O programa EduExchanges da Xunta trae a Cambre alumnado francés nunha visita institucional recibida pola alcaldesa Diana Piñeiro

23 Mar 2026

O Concello de Cambre recibiu este luns ao alumnado participante no intercambio entre o IES David Buján e o Lycée Saint-Michel de Annecy nunha visita institucional encabezada pola alcaldesa, Diana Piñeiro. A rexedora deu a benvida ao grupo de estudantes, conformado por 20 alumnos galegos e 20 franceses, acompañados do profesorado de ambos centros, e explicoulles o funcionamento do goberno local e da administración municipal.

Durante o encontro, Diana Piñeiro trasladou ao grupo o papel do Concello, as principais competencias da administración local e o traballo que se desenvolve desde o goberno municipal para dar resposta ás necesidades da veciñanza, achegando así ao alumnado á realidade institucional e ao día a día da xestión pública.

Esta visita enmárcase no intercambio educativo que ambos centros manteñen desde hai tres anos, consolidando unha relación de cooperación e convivencia entre o alumnado galego e francés. A iniciativa forma parte do programa EduExchanges da Xunta de Galicia, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que ten como obxectivo promover a mobilidade internacional do alumnado, a aprendizaxe de linguas e o coñecemento doutras culturas.

Durante a súa estancia en Galicia, o alumnado francés desenvolverá diversas actividades culturais e educativas, incluíndo visitas á contorna da Coruña, propostas no propio centro e experiencias vinculadas ao patrimonio e á cultura local. Como parte do carácter recíproco do programa, no vindeiro mes de abril será o alumnado galego quen viaxe a Annecy, completando así o intercambio e reforzando os lazos creados entre ambos centros educativos.

O programa EduExchanges enmárcase na estratexia de internacionalización do sistema educativo galego, facilitando estadías no estranxeiro, intercambios e proxectos de colaboración internacional co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, fomentar a autonomía do alumnado e reforzar habilidades clave como a adaptación, o traballo en equipo e a convivencia intercultural.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.