- A actividade terá lugar o 11 de setembro e as inscricións están abertas ata o 2 de setembro.
- A iniciativa municipal busca un dobre obxectivo: por unha banda, promover un estilo de vida saudable entre a cidadanía e, polo outro, dar a coñecer lugares de interese de toda Galicia.
O programa ‘Vente de marcha’ organiza, para o domingo 11 de setembro, unha saída á Lagoa de Cospeito. As inscricións xa están abertas e o prazo para anotarse finalizará o vindeiro venres 2 de setembro.
O roteiro será de 15 km (dificultade media-baixa), discorrendo polos seguintes puntos en torno ao humidal da Terra Chá: San Martiño de Lamas (Os Currás), Lagoas de Lousado, Lagoa de Carballosa, Bodenlle, A Torre, Felín, Feira do Monte, A Lama de Anidos, e Lagoa de Valverde. Máis aló do propio percorrido, como vén sendo habitual, a OMIX organiza unha actividade complementaria que, neste caso, consistirá en piragüismo e tiro con arco.
As persoas interesadas poderán entregar o documento de inscrición a través das seguintes vías: presencialmente a través dos rexistros municipais (solicitando, para iso, cita previa) e telemáticamente por medio da sede electrónica. En total, ofreceranse 50 prazas que poderán solicitar cambreses e cambresas de todas as idades, aínda que os mozos de entre 14 e 30 anos terán prioridade.
O concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, sinala que con esta iniciativa, que conta cunha gran aceptación veciñal, búscase “promover un estilo de vida saudable entre a cidadanía, dando a coñecer, ademais, lugares de interese de toda a xeografía galega”.
Nesta nova edición, ‘Vente de marcha’ celebra saídas a lagos, lagoas e a termas de toda Galicia. As propostas lévanse a cabo en fin de semana co fin de estimular a participación entre os veciños e veciñas de todas as idades.
Podedes consultar toda a información aquí.