O Servizo Municipal Emerxencias de Cambre pecha o ano superando o medio milleiro de intervencións

16 Dec 2023

Más de medio milleiro. Esa é a cifra de actuacións que o Servizo Municipal de Emerxencias de Cambre realizou ao longo do 2023. A poucos días de concluír o ano, o contador apunta que a agrupación executou un total de 520 intervencións de diferente tipo e en todo o termo municipal. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Daniel Mallo, agradece “o incrible labor que fan desde a agrupación, que resulta esencial para garantir a seguridade da veciñanza”.

Entre as accións máis habituais, atópanse as relacionadas coas caídas de árbores (131, en total) e coa recuperación de fauna (130). Cada unha destas tipoloxías supón un 25 % do total de intervencións anuais.

As actuacións en accidentes de tráfico despuntan igualmente na lista de traballos. Tanto así, que entre o 1 de xaneiro e o 14 de decembro de 2023, o servizo colaborou en 44 accidentes de tráfico, así como noutros tres que requiriron manobras de excarceración.

Os traballos de extinción de lumes convertéronse, tamén, nalgunhas das operacións máis recorrentes. Neste caso, o Servizo Municipal de Emerxencias actuou en máis dunha vintena de incendios de diferente tipo (industriais, urbanos, forestais e por escape de gas, etc.). A retirada de verteduras en estradas (54) e doutros elementos en zonas urbanas (66) foron tamén dúas das actuacións máis comúns.

Tamén che pode interesar