O éxito das últimas edicións e o interese suscitado por iniciativas similares como o Ciclo Noites de Jazz reafirman a conclusión á que o alcalde, Óscar García Patiño, e a concelleira de Cultura, Mónica Varela, chegaron esta mañá: o jazz é un xénero en auxe en Cambre e o Temple Jazz é xa un evento consolidado dentro do programa cultural do verán. Ese foi o fío condutor da presentación do festival, que tivo lugar, esta mañá, en Vila Concepción, e á que tamén acudiu o director artístico da sexta edición, o compositor cambrés, Nani García.
Durante a presentación, García Patiño celebrou a volta do festival ao seu lugar de orixe, o parque Ramón Barba: “trátase dun espazo máxico que queremos seguir potenciando, non só como zona verde, senón tamén como punto de referencia para a celebración de actividades culturais. Como proba dese compromiso, o goberno local pretende realizar un proxecto para incrementar os servizos deste parque creando, entre outras infraestruturas, un teatro ao aire libre”. Pola súa banda, a edil de Cultura confirmou que “cada ano hai máis interese por parte da veciñanza con respecto a este xénero”. Varela explicou que “en Galicia temos uns grandes expoñentes do xénero, polo que esperamos seguir engrandecendo a historia deste festival”.
Durante o acto, o director artístico profundou na proposta musical do 2022. Nani García cualificou ao Temple Jazz como unha “perlita” pola calidade dos concertos que se desenvolverán como parte do programa. Así mesmo, incidiu en que, edición tras edición, se aposta por incluír no cartel propostas “locais, galegas e tamén do panorama nacional e mesmo internacional”.
O programa arrincará o venres, 8 de xullo ás 21.00 horas, na Casa da Cultura Vila Concepción. Verónica Ferreiro & Javier Sánchez serán os encargados de inaugurar O Temple Jazz, interpretando os primeiros acordes dunha fin de semana marcada pola música. Kin García Quinteto fará o propio ese mesmo día, ás 23.00 horas, no parque Ramón Barba.
Ao día seguinte, sábado 9 de xullo ás 21.00 horas, Project Five protagonizará a primeira actuación da segunda xornada. María Toro Trío tomará a substitución ás 23.00 horas, pechando o programa de concertos.
O acceso aos recintos será por orde de chegada, polo que non será necesario reservar entradas previamente para acceder aos concertos.