A alcaldesa, María Pan, presidiu, esta mañá, un pleno especial. Un no que os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe Graxal tiveron a ocasión de presentar á rexedora O patio en xogo, un proxecto co que os estudantes se involucraron no deseño deste espazo, solicitando a colaboración do Concello para a realización de varias melloras. Pan Lesta aplaudiu a iniciativa e a implicación dos mozos e mozas, comprometéndose a “estudar todas as propostas formuladas de competencia municipal”.
A recepción arrincou cunha exposición realizada polos alumnos do curso na que expuxeron distintas iniciativas para crear o seu patio ideal. Tal e como explicaron, este fundaméntase en tres piares: zonas verdes, áreas de xogo e, por último, as zonas de calma. Entre as peticións trasladadas destacaron, por exemplo, a disposición dunha horta ou dun invernadoiro ou un espazo de xogos pintado no firme.
Ao concluír a explicación, os mozos e mozas tomaron posesión como concelleiros e concelleiras da corporación municipal e expuxéronlle á rexedora as súas consultas. Moitas delas estiveron vinculadas co proxecto O patio en xogo, pero tamén houbo outras sobre seguridade viaria, melloras en parques infantís e en pistas municipais.
A primeira edil aproveitou as súas dúbidas para realizar unha breve explicación sobre o funcionamento do Concello de Cambre e os plenos, así como sobre outras cuestións como as competencias das distintas administracións. Isto último vinculándoo ás diversas melloras que o Concello podía realizar para axudarlles a conseguir, precisamente, ese patio ideal no que a comunidade educativa está a traballar.




