Os castrexos e os romanos terán tres días para asinar a paz na VI Galaicoi

12 Xul 2023

Os castrexos e os romanos volverán á batalla. O enfrontamento entre os bandos será, un ano máis, a temática central da Galaicoi de Cambre, que chega á súa sexta edición. O castro acolleu, esta mañá, a presentación oficial da romaría, que correu a cargo do edil de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, e da concelleira de Desenvolvemento Asociativo, María Carmen Pan Matos. A maiores, acudiron representantes dalgunhas das asociacións participantes: Asociación Cultural Santa María do Temple, Asociación de Amas de Casa de Bribes, Asociación de Amas de Casa de Cambre, Aires de Sigrás e de Gallaecia Viva.

A Romaría Castrexo-Romana Galaicoi comezará este venres, 14 de xullo, e prolongarase ata o domingo, día 16. En canto ao horario, o venres será de 17.00 a 1.00 horas, o sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 1.00 horas e o domingo, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

O programa arrincará o venres, ás 17.00 horas, coa asemblea de clans. Este encontro dará paso á declaración da guerra e ao comezo das hostilidades entre os dous bandos (17.30 horas). Desde ese momento e ata o final, os bandos enfrontados encerellaranse en múltiples batallas ata que o domingo, 16 de xullo, cando asinarán o tratado de paz. O programa da romaría incluirá mercado con preto de medio centenar de postos, talleres, guerras e escaramuzas, desfiles, pasacalles e actividades de animación musical, concerto dos Festicultores Troupe (venres, 14, ás 23.00 horas) representacións teatrais etc.

Actividades infantís
O Concello organizará, ademais, numerosas propostas para os nenos e nenas. O programa infantil contará con estacións con xogos tradicionais e reciclaxes e tamén campionatos castrexos con diferentes probas físicas.

As propostas infantís comezarán o propio venres pola tarde e sucederanse ao longo de toda a fin de semana. En canto aos horarios, as estacións de xogo e atraccións estarán dispoñibles o venres ata as 22.00 horas e o sábado e o domingo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.00 horas. Os campionatos castrexos arrincarán tamén o propio venres, pola tarde, e continuarán o sábado e o domingo, de 12.00 a 15.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas (realizándose cada hora, aproximadamente).

Patrimonio e historia
Durante a súa intervención, o responsable de Turismo e Patrimonio sinalou tres dos obxectivos centrais da cita: “a posta en valor da historia de Cambre, a recuperación e aproveitamento do castro e o impulso que se consegue dar ao tecido económico do municipio”. Boga iniciou no “gran arraigo” que a cita ten entre os veciños e veciñas, algo que se reflicte nas cifras de participación. A concelleira de Desenvolvemento Asociativo destacou, ademais, que a Galaicoi convértese “nun punto de encontro para o tecido asociativo. Entidades culturais, deportivas e veciñais xúntanse no castro para xantar, tocar música, facer actividades e, en xeral, para compartir”.

Asociacións
Máis aló das propias actividades, un dos principais atractivos da romaría é a convivencia no castro, onde se reúnen as asociacións do municipio. O xacemento convértese, durante tres días, nun auténtico poboado castrexo cunhas 30 cabanas. O Concello recibiu preto de medio centenar de solicitudes para a ocupación destas construcións. Da cifra, 23 correspóndense coas das asociacións veciñais, culturais e deportivas. Con todo, a romaría no castro estará aberta a todas as persoas que desexen sumarse.

Programa Galaicoi 2023

Programa Galaicoi 2023

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.