A Asemblea de Clans foi clara: hai que dar batalla aos romanos para defender Cambre. Así o acordaron, esta tarde, os representantes dos clans locais, que se reuniron para decidir que postura ían adoptar ante a ameaza romana. Tras unha longa deliberación, os xefes das agrupacións optaron por acudir á batalla na VII Galaicoi, rompéndose así o acordo de paz asinado hai un ano. A declaración da guerra entre os dous bandos marca o inicio de numerosas loitas e escaramuzas que se prolongarán durante toda a fin de semana. O enfrontamento concluirá, previsiblemente, o domingo 21 de xullo ao redor das 19.45 horas coa firma da paz.
As pelexas centrarán boa parte do programa. De feito, mañá, sábado 20 de xullo, ás 12.00 horas está prevista unha escaramuza entre castrexos e romanos. Así mesmo, ás 19.00 horas será o asedio e asalto ao Castro. O domingo, 21 de xullo, ás 12.15 horas producirase unha nova escaramuza. O fin da guerra chegará coa disputa da batalla final ás 19.00 horas, e o tratado de paz asinaríase ao redor das 19.45 horas.
Actividades para todos os públicos
A sétima Galaicoi incluirá, ademais, un mercado galaico-romano con preto de 50 postos de venda e talleres de oficios tradicionais (madeira, cantería e ferro). O teatro terá tamén un gran protagonismo. De feito, Noite Bohemia ofrecerá dúas representacións no teatro do Parque da Igrexa: O sorteo de Cásina (venres, ás 22.15 horas) e Edipo Rey (sábado, ás 22.15 horas). A VII Galaicoi incluirá tamén numerosas actividades para os máis pequenos e pequenas. Entre as propostas, haberá campionatos castrexos, atraccións sostibles e contacontos.
Outro dos atractivos da Galaicoi será o campamento castrexo, no que se reunirán máis de 20 asociacións veciñais, culturais, deportivas e tamén particulares para convivir durante tres días.