Medio Humano

A poboación actual é de 24.677 habitantes (maio 2017, pendente de aprobación polo INE) agrupados en asentamentos básicos de convivencia (as parroquias), que ó mesmo tempo se distribúen en máis de 120 núcleos de poboación chamados aldeas, rueiros ou lugares.

A superficie total do concello é de 41 km2. O crecemento poboacional mantén unhas características positivas e bastante equilibradas.

A densidade media da poboación é variable segundo a parroquia. Cunha densidade de 601 habitantes por km2. e unha media de idade de 42,3 anos. A meirande parte da poboación desprázase á cidade da Coruña para as súas actividades laborais.

 

A pirámide de poboación é atípica, relativamente nova se temos en conta a tendencia cara ó envellecemento que posúen a maioría dos municipios galegos. Amosa un ensanchamento en certos segmentos de idade, concretamente os comprendidos nos intervalos entre 25 e 45 anos. O perfil corresponde a familias novas con fillos, procedentes na súa maioría doutros municipios da provincia que fixan a súa residencia en Cambre animados pola diferencia de precios de vivenda con respecto ó municipio veciño da Coruña.

Unha grande parte deste aumento de poboación encóntrase localizado nas novas urbanizacións da parroquia do Temple (urbanización O Graxal) e da parroquia de Cambre (urbanización A Barcala).

 

Esta característica do municipio ten consecuencias asociadas que se localizan na organización do territorio e nos procesos especiais asociados á evolución demográfica.

Como se pode apreciar, existe unha concentración da poboación en dúas parroquias: O Temple e Cambre, englobando entre as dúas o 67% do total. Do resto únicamente Anceis, Cecebre e Sigrás sobrepasan os 1.000 habitantes, concentrando entre as tres case o 17% da poboación do municipio, as demais parroquias repártense o 16% restante.

Hai que ter en conta o feito de que a excepción das dúas principais parroquias mencionadas que constitúen zonas urbanas, as restantes teñen un marcado carácter rural que se acentúa nas parroquias con menor poboación.