Un rastro de aceite permite á Policía localizar a un condutor que esnaquizara unha máquina expendedora co seu vehículo

17 Out 2022

A Policía Local interceptou, na madrugada do venres ao sábado, a un condutor que esnaquizara a máquina expendedora dun local de hostalería de Sigrás. Os feitos producíronse ao redor das 6.25 horas do sábado, cando a Policía recibiu unha chamada do propietario do negocio na que informaba de que tentaran roubar a máquina de venda automática situada diante do seu bar. Segundo a información proporcionada, a persoa impactara o seu vehículo, de cor negra, contra a mesma. A continuación, o condutor dirixiuse en dirección a Celas de Peiro, deixando o coche un regueiro de aceite no asfalto que facilitou as pescudas policiais.

Ata o lugar dos feitos desprazáronse dúas patrullas. Os axentes dunha delas entrevistáronse co requirente, mentres que os outros municipais seguiron o rastro do automóbil. As marcas no firme levaron á Policía ata un domicilio situado a poucos metros ao que accederon tras entrevistarse coa persoa residente. Ao entrar na vivenda, os policías atoparon un turismo que coincidía coa descrición do denunciante. O coche presentaba danos na parte frontal e no parabrisas, á altura do posto do condutor, denotando que fora golpeado desde a parte interior, probablemente polo impacto da cabeza do piloto. No lugar atoparon tamén a un home que, ao ser requirido para aclarar o sucedido, respondeu de forma agresiva. O home, que se atopaba moi alterado e sangraba pola fronte, chegou a proferir varias frases desafiantes aos axentes e mesmo lle lanzou unha puñada a un deles.

Posteriormente, e xa en presenza da Garda Civil, o home foi trasladado ao centro de saúde para a súa valoración. Durante o traslado, provocou varios danos ao vehículo policial. Tendo a sospeita de que puidese estar baixo os efectos de bebidas alcohólicas ou substancias psicotrópicas, intentouse sometelo a varias probas de alcoholemia por aire expirado, negándose ata en cinco ocasións e respondendo de forma agresiva.

Os axentes informáronlle de que se lle tramitarían dilixencias como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria, por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou outras substancias prohibidas, así como pola negativa para someterse ás probas. De igual maneira comunicóuselle tamén que sería denunciado como autor de delito de danos no vehículo policial ademais de por atentado a un axente da autoridade.

Tamén che pode interesar