Unha primeira avanzada anticipa o inicio da guerra entre castrexos e romanos na VII Galaicoi

16 Xul 2024

“A imaxe de hoxe deixa claro que a Galaicoi mira cara o pasado de Cambre, pero este é tamén un evento de presente e, sobre todo, de futuro”. Así pechou a presentación da VII Romaría Castrexo-Romana Galaicoi a alcaldesa de Cambre, María Pan. Fíxoo acompañada polo concelleiro da Axencia de Desenvolvemento Local, Patrimonio e Turismo, Ramón Boga, pola concelleira de Desenvolvemento Asociativo, Educación e Sanidade, María Carmen Pan Matos, por un nutrido grupo de representantes das asociacións que participarán na romaría e polos nenos e nenas da escola infantil A Fraga Encantada. A rexedora explicou que, a expensas do que se decida na Asemblea de Clans (venres, 19 de xullo, ás 18.00 horas), todo apunta a que castrexos e romanos, os dous bandos historicamente enfrontados, se darán batalla ata o domingo, día 21.

A loita entre as dúas faccións será, un ano máis, a temática central da Galaicoi, que chega á súa sétima edición. Desta forma, como explicou o edil de Patrimonio e Turismo, “buscamos poñer en valor o extenso patrimonio histórico de Cambre e, particularmente, a pegada que estas civilizacións deixaron no noso municipio”. Boga iniciou no “gran arraigamento” que a cita ten entre os veciños e veciñas, algo que se reflicte nas cifras de participación. O edil apuntou, así mesmo, o impulso que se lle consegue dar ao tecido económico do municipio”.

Encontro social
A Galaicoi destaca como celebración histórica, pero tamén como un evento social. Desta forma, como sinalaron tanto a alcaldesa como a concelleira de Desenvolvemento Asociativo, un dos aspectos máis importantes “é a súa esencia como romaría”. Así, ao longo das tres xornadas do evento, o campamento castrexo (situado no castro) convértese en punto de encontro e convivencia para asociacións veciñais, culturais, deportivas e tamén para particulares procedentes de todas as parroquias. En total, o Concello recibiu 40 solicitudes para ocupar as clásicas cabanas castrexas ou para solicitar os taboleiros para a romaría. A maioría (22), tramitáronse por parte do tecido asociativo, mentres que o resto procederon de particulares. María Carmen Pan Matos valorou estes números, que deixan claro “que esta romaría segue a ser unha ineludible para vos veciños e veciñas de Cambre”.

Precisamente, á presentación de hoxe acudiron varios representantes dalgunhas das asociacións que participarán nesta sétima romaría: Asociación de Amas de Casa de Bribes, Asociación Avepace de Pravio, Asociación Ganduxo de Pravio, Aires de Sigrás, Asociación A Unión de Brexo-Lema, Grupo de Cantareiras As Avelaíñas da Asociación Cultural de Santa María do Temple, Grupo de Gaitas A Randeira da Rocha e a Asociación Histórico-Cultural Gallaecia Viva.

A Romaría Castrexo-Romana Galaicoi comezará este venres, 19 de xullo, e prolongarase ata o domingo, día 21. En canto ao horario, o venres será de 17.00 a 1.00 horas, o sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 1.00 horas e o domingo, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.00 horas.

Asemblea de clans

O programa arrincará o venres, ás 18.00 horas, coa asemblea de clans. Nela, os xefes de cada agrupación reuniranse para abordar unha cuestión capital: a chegada dos romanos a Cambre. Na reunión deberán decidir se acoden ou non á guerra e se elixen esta última, a guerra declararase ás 19.00 horas, dando paso a unha batalla que se prolongará ata o domingo, 21 de xullo, cando asinarían o tratado de paz.

O programa incluirá mercado con preto de medio centenar de postos, talleres, guerras e escaramuzas, desfiles, pasacalles e actividades de animación musical, concerto dos Pelepau (venres, 19, ás 23.00 horas) representacións teatrais etc.

Actividades infantís
O Concello organizará, ademais, numerosas propostas para os nenos e nenas. O programa infantil contará con estacións con xogos tradicionais e reciclaxes e tamén campionatos castrexos con diferentes probas físicas. As propostas infantís comezarán o propio venres pola tarde e sucederanse ao longo de toda a fin de semana.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.