Unión x Cambre e o PSOE selan un acordo de goberno para seguir traballando “polo interese dos veciños de Cambre”

4 Xul 2023

Unión x Cambre e o PSOE selaron, esta mañá, un acordo para seguir traballando “polo interese dos veciños e veciñas de Cambre”. Así o confirmaron o presidente de UxC, Óscar García Patiño, e o secretario xeral do PSOE, Diego Alcantarilla. Esta alianza servirá para dar continuidade ao traballo que ambos os grupos promoveron nos dous mandatos previos: primeiro, entre 2015 e 2019, cando se formou un tripartito co BNG e, despois, entre 2019 e 2023, co goberno entre Unión x Cambre e o PSOE. Tal e como avanzaron García Patiño e Alcantarilla, a intención de ambas as agrupacións “é manter a boa sintonía e a liña de traballo dous últimos anos, priorizando cuestións como a aprobación definitiva do PXOM, a execución do salón de actos da biblioteca central María Pita e o traballo conxunto para desbloquear infraestruturas que dependen doutras administracións como o Vial 11-17 e a Vía Ártabra, entre outras”.

Ambos os grupos encaran este novo mandato marcando as liñas de traballo prioritarias. Entre elas, destacouse a de continuar coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cambre. Tras a aprobación inicial do documento no pasado mandato, UxC e PSOE comprométense a continuar dando pasos ata chegar á aprobación definitiva. A construción do salón de actos de Cambre e a disposición da sala de festas El Seijal serán tamén dúas medidas prioritarias. Doutra banda, en materia de infraestruturas, ambos os partidos centrarán esforzos en reclamar a execución das seguintes infraestruturas á Xunta e á Deputación: Vial 11-17, Vía Ártabra, rotonda en Cambre, execución das beirarrúas en Cecebre e entre a rotonda da Rocha e Anceis e a construción dun novo instituto e centro de día en Lendoiro.

Configuración do equipo de gobierno

Atendendo ao acordo subscrito, o goberno local estará conformado polas seguintes oito áreas:

  1. Presidencia e Desenvolvemento Asociativo: Óscar García Patiño
    • Desenvolvemento Asociativo: María del Carmen Pan Matos
  1. Economía, Facenda e Réxime Interior: María Pan Lesta
  1. Urbanismo, Obras e Servizos: Juan González Leirós
  1. Seguridade Cidadá, Patrimonio, Turismo, Transformación Dixital e Innovación Tecnolóxica: Daniel Mallo Castro
    • Patrimonio e Turismo: Ramón Boga Moscoso
  1. Cultura: David López Saborido
  1. Benestar Social: María Mercedes Prieto Lamas
  1. Deportes, Xuventude, Educación e Axencia de Desenvolvemento Local: Diego Alcantarilla Rei
    • Deportes, Xuventude e Educación: Ana Rodríguez López
  1. Medio Ambiente, Mobilidade e Sanidade: Patricia Parcero Quiñoy

En canto á xunta de goberno local, esta configurarase da seguinte forma:

  • Presidencia: Óscar García Patiño
  • 1º tenente de alcalde: Juan González Leirós
  • 2º tenente de alcalde: Diego Alcantarilla
  • 3ª tenente de alcalde: María Pan Lesta
  • 4ª tenente de alcalde: María Mercedes Prieto Lamas
  • 5º tenente de alcalde: Daniel Mallo
  • 6ª tenente de alcalde: Patricia Parcero
  • 7º tenente de alcalde: David López Saborido

Asignacións

O acordo entre UxC e PSOE fixa, ademais, unha dedicación parcial –a do rexedor- de 40.000 euros e sete dedicacións exclusivas de 32.000 euros. Os tres concelleiros/as restantes cobrarán por asistencias a órganos colexiados. A maiores, haberá sete postos de persoal de confianza: seis cunha asignación de 30.000 euros anuais e un que cobrará 32.000 euros. Esta proposta implica, practicamente, manter o gasto destinado a soldos e retribucións do equipo de goberno. Así, con respecto ao mandato de 2019-2023, esta cifra sobe, unicamente, un 0,9 %.

Órganos colexiados

En canto ás asistencias, exponse que os membros da corporación que acudan ás sesións de órganos colexiados (fóra dos que teñan dedicación) perciban 300 euros en caso dos plenos, 300 en caso das comisións, 150 euros en xuntas de voceiros e 300 euros nas xuntas de goberno local.

Tamén che pode interesar