Vila Concepción acollerá unha exposición de dibuxos sobre Saramago creada polo alumnado do IES Afonso X de Cambre

29 Ago 2022

Cambre, 29 de agosto de 2022. Este venres, 2 de setembro, ás 19 horas terá lugar na Casa da Cultura ‘Villa Concepción’ de Cambre a inauguración dunha exposición de debuxos sobre o Nóbel de literatura José Saramago realizada polo alumnado de Debuxo Artístico do IES Afonso X.

A exposición, que se poderá ver ao longo do mes de setembro en Villa Concepción, é o resultado do traballo levado a cabo polos alumnos e alumnas do centro, dirixidos pola profesora Marta Moreira, dentro dun proxecto conxunto con sete institutos de toda España, chamado ‘Ilustrando a Saramago’.

A iniciativa xorde no curso 2020-2021 desde o instituto San Bartolomé de Lanzarote, que informa da idea tanto á Casa de José Saramago en Lanzarote como ao Cabildo de Lanzarote e, en ambos os casos, é acollida con gran entusiasmo como unha forma interesante de achegar a literatura aos adolescentes.

O 16 de novembro será o centenario do nacemento do Nóbel de literatura José Saramago. Para celebralo, cada instituto centrouse nunha obra deste autor. A través do debuxo, e buscando facer unhas ilustracións simbólicas e expresivas, penetráronse na lectura e o estudo da literatura e pensamento de Saramago. Cada alumno escolleu un fragmento para traballar e facer o seu debuxo, tendo en conta o contexto dentro do cal estabamos inmersos. No caso do IES Afonso X traballaron en “A balsa de pedra” para realizar as ilustracións que se poderán ver en Villa Concepción. Neste proxecto participan alumnado de: IES San Bartolomé de Lanzarote (coordinador), IES Agustín Espinosa de Lanzarote, CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña), IES Sta. María de Carrizo da Ribeira (León), IES Sefarat (Toledo), IES López Neyra (Córdoba), e o IES Afonso X de Cambre.

A de Cambre é a primeira exposición que se proxecta para mostrar os resultados deste proxecto. No mes de novembro en Lanzarote farase unha exposición xeral con reproducións dos debuxos de todos os mozos participantes, de todos os institutos. Esta exposición conta co apoio do Cabildo de Lanzarote.

Tamén che pode interesar