Vila Concepción acollerá unha xornada sobre feminismo no rural galego da man de EspadELA

14 Nov 2022

Crear un espazo de pensamento, reflexión e acción ao redor do feminismo na realidade rural galega. Ese é o obxectivo da actividade EspadELA, trenzar rural e feminismos, que terá lugar este sábado, 19 de novembro, na Casa da Cultura Vila Concepción. Ao longo do programa, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 15.00 horas, abordarase o estado actual do rural de Galicia cunha perspectiva feminista: que iniciativas están a poñerse en práctica e cales son os principais retos de face ao futuro.

A xornada comezará ás 10.00 horas cunha breve presentación. Ás 10.30 horas levarase a cabo o café-diálogo Miradas, a cargo da fundadora de Ffotoeduca, Mariola Mourelo. Ás 11.30 horas está previsto o inicio da sección de Conversas, na que intervirán as seguintes relatoras: María Ferreiro, da Secretaria das Mulleres do Sindicato Labrego Galego; Olga Romasanta, de Rexenerando S. Coop.; Noelia Darriba, de Atalaias; Araceli Macías, de Outonía S. Coop. Galega. A última parte da actividade arrincará ás 13.30 horas con Trenzadas, un laboratorio de traballo.

EspadELA, trenzar rural e feminismos está aberta á participación de toda a cidadanía. A actividade é gratuíta, pero as persoas interesadas terán que inscribirse a través do formulario correspondente.

O traballo das xornadas derivará nunha publicación onde se visibilizarán os contidos. A idea é que esta publicación plasme e transmita o mapa dos proxectos que se están levando a cabo no contexto rural galego.

Escola de Apoderamento Feminista

A Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural (EspadELA) está presente en Cambre desde o mes de outubro a través da celebración de sesións formativas. Ao longo das mesmas, as mulleres participantes están a traballar temáticas como a prevención das violencias machistas, o liderado, a autoestima, etc.

A concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, sinalou a “importancia” desta iniciativa, “coa que se está creando unha auténtica rede de apoio e de intercambio de ideas e coñecementos entre as mulleres que toman parte nesta Escola de Apoderamento”.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.