O Concello avanza na demolición do edificio ilegal dos Campóns

9 Out 2023

O Concello continúa avanzando nos traballos de demolición do edificio inacabado dos Campóns (Sigrás). Trátase dunha edificación de vivendas en bloque plurifamiliar de baixo máis tres plantas que se levantou no 1995. Tres anos despois, a construción deste inmoble quedou paralizada por incumprir coa normativa urbanística e por carecer, ademais, da correspondente licenza. A execución do proxecto de derriba foi adxudicada por 112.429 euros.

Como xa sinalara o alcalde, Óscar García Patiño, esta edificación “incumpre tanto a tipoloxía de vivenda como a altura máxima permitida, polo que é necesario demoler a estrutura, que non pode legalizarse. Precisamente pola imposibilidade de legalizar a construción, esta tampouco se pode destinar a vivenda social, tal e como algúns veciños e veciñas nos propuxeran no seu momento”.

O inmoble está situado nun solo clasificado como urbano de núcleo rural, incumprindo os seguintes parámetros: tipoloxía, parcela mínima, edificabilidade, ocupación, altura máxima –neste caso, a altura máxima sería de baixo máis unha planta-, distancia e un camiño público, non realizándose, ademais, a urbanización da parte de cesión da parcela. Con esta operación, o goberno local cumprirá tamén cunha “reivindicación histórica da Asociación de Veciños de Sigrás”.

O Concello requiriu, en marzo de 2018, ao dono do inmoble para que presentase un proxecto de derriba. Na devandita resolución, concedíase o prazo dun mes para o inicio do proxecto e cinco meses para o remate das obras. Unha vez transcorrido devandito prazo, o Concello acordou, en outubro de 2018, renovar os trámites para a execución subsidiaria destes labores.

Con estas intervencións, o Concello demolerá a estrutura e retirará o entullo resultante. Ademais, a parcela deixarase conforme á rasante preexistente e protexeranse os elementos públicos que poidan verse afectados pola realización destes traballos.

Tamén che pode interesar