O alcalde e o presidente da Asociación de Veciños O Gaiteiro de Sigrás supervisan as obras da parroquia

6 Xul 2022

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e o presidente da Asociación de Veciños O Gaiteiro de Sigrás, Evaristo Canosa, supervisaron, esta mañá, o avance dalgunhas das obras que, actualmente, están en marcha na parroquia: o proxecto de mellora da accesibilidade na contorna da escola de música Sementeira e a execución das beirarrúas na AC-214 (nos núcleos da Xira, A Pena e A Telva). Como explicou o rexedor, en ambos os casos as intervencións poñen o foco “no incremento da seguridade viaria e na mellora da accesibilidade para os viandantes”.

Por unha banda, as obras en Sementeira garantirán a conexión entre a escola de música e o local social de Sigrás. Os traballos, financiados a cargo do Plan Único da Deputación, foron adxudicados por 45.611,89 euros e contan cun prazo de execución de catro meses. O proxecto inclúe a demolición do pavimento existente fronte á escola. Ata o de agora, o firme estaba executado por unha celosía de plástico, o que provocaba escorregamentos por parte dos viandantes. As actuacións do Concello servirán para substituír este pavimento, que será remplazado por outro de formigón. Na zona oeste da instalación crearase unha beirarrúa de pavimento de aglomerado asfáltico. A maiores, para salvar o desnivel existente nalgúns puntos executarase un pequeno dique que estará coroada por unha varanda. O proxecto incluirá tamén a colocación de novos puntos de luz ao longo da calzada.

Polo outro, o rexedor e o presidente da entidade veciñal visitaron tamén A Xira para comprobar o avance das prometidas beirarrúas. O inicio deste proxecto por parte da Xunta de Galicia dá resposta a unha vella reivindicación trasladada tanto polo Concello como polos veciños en múltiples ocasións. O resultado destes labores será a disposición dun itinerario peonil duns 720 metros de lonxitude que contará con pavimento de formigón e unha sección variable adaptada á configuración da estrada. En todo caso, garantirase a accesibilidade mediante unha sección de 1,8 metros, máis 20 centímetros de bordo transitable de separación da calzada. Así mesmo, ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, xa que a sección actual é insuficiente, e conseguiranse dous carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros.

Tamén che pode interesar