A colaboración dun veciño permite á Policía identificar a un home que deixaba os excrementos do seu can na vía pública

6 Mar 2023

A colaboración dun veciño permitiu á Policía Local identificar e denunciar a un home que deixaba os excrementos do seu can na vía pública. Lonxe de ser un acto puntual, tal e como o particular advertira aos axentes, tratábase dun comportamento recorrente por parte do denunciado, cuxo domicilio está situado na rúa Amil. Grazas á información achegada, a Policía Local puido comprobar como o propietario do can eludía recoller as deposiciones do can, que fixera as súas necesidades en área verde situada na zona.

Estes feitos están tipificados como unha infracción leve  na ordenanza reguladora de limpeza viaria e ornato público, e poderían carrexar unha sanción de ata 750 euros.

Os axentes municipais identificaron o home, natural da Coruña, grazas á información trasladada por un veciño do lugar. Entre os datos, a Policía foi informada sobre a zona e as horas ás que o infractor adoitaba sacar ao can para pasear.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, sinala que a “implicación e a colaboración da cidadanía son esenciais para previr este tipo de  comportamentos incívicos que, doutro xeito, non sería posible corrixir”. O rexedor anima a calquera veciño ou veciña que detectase un comportamento similar a “contactar coa Policía Local achegando todos os datos posibles para evitar que estes feitos se produzan e manter limpo o municipio”.

Estes incumprimentos están tipificados como infracción leve na ordenanza municipal, podendo conlevar unha sanción de ata 750 euros. A denuncia interposta está en mans dos servizos xurídicos do Concello, que tramitarán o expediente.

Ordenanza

O Concello modificou a ordenanza de limpeza viaria e ornato público en xuño de 2020. Este cambio implicou a introdución de importantes novidades que afectan, sobre todo, aos donos de animais domésticos. Desde a súa aprobación, as persoas propietarias están obrigadas a portar unha botella con auga ou un desinfectante homologado para disolver as micciones dos cans na vía pública. A maiores, terán que levar consigo unha bolsa para recoller os excrementos dos cans.

Tamén che pode interesar