A Policía Local denunciará ao responsable dunha vertedura ilegal en Altamira

17 Nov 2022

A Policía Local denunciará a un coruñés que foi pillado, in fraganti, mentres depositaba varios residuos na zona de contedores da coñecida como a Curva de Piruchiño (en Altamira, N-550). O infractor, que chegou ata o lugar no camión dunha empresa de repartición, estacionou o automóbil e comezou a depositar varias caixas con obxectos como rodas, tubos e outros materiais nas inmediacións dos colectores de lixo. Trátase dunha área na que se producen, habitualmente, estas infraccións, polo que desde a Policía Local espérase que a denuncia sirva para reducir estes comportamentos incívicos.

A infracción está tipificada como grave na ordenanza reguladora de limpeza viaria e ornato público do Concello de Cambre. Desta forma, considérase grave “abandonar mobles, pertenzas domésticas, materiais residuais ou outros obxectos similares en leiras, camiños ou calquera outro lugar non habilitado especialmente para iso”. Neste tipo de circunstancias, a Policía podería impoñer unha sanción de ata 1.500 euros.

Os veciños e veciñas de Cambre teñen á súa disposición un punto limpo móbil situado no polígono Espírito Santo e que funciona no seguinte horario: de luns a venres, de 9.30 a 13.00 horas e de 15.30 a 19.00 horas, e os sábados, de 9.30 a 13.00 horas. Ademais, lémbrase que o punto limpo do Consorcio As Mariñas realiza varias visitas mensuais ao municipio. O Consorcio dispón, a maiores, dun servizo de recollida de aveños e voluminosos que pode solicitarse a través do teléfono 981 795 524.

Tamén che pode interesar