A Policía Local paraliza unha carreira ilegal que se salda con con seis denuncias e un xuízo rápido

27 Set 2022

Un dos condutores enfróntase a unha pena de prisión de entre seis meses e dous anos, así como á privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores de entre un e seis anos.

A intervención da Policía Local de Cambre foi decisiva, a pasada fin de semana, á hora de paralizar unha carreira ilegal en Cecebre. Os feitos producíronse ao redor das 1.05 horas do sábado, 24 de setembro, cando dúas patrullas da Policía interceptaron, co apoio da Garda Civil, a un grupo de vehículos que circulaba a alta velocidade establecendo competición no lugar de Galiñeiros, en Cecebre. Os condutores, naturais dos municipios de Arteixo e A Coruña, viñan desde A Coruña e dirixíanse a Abegondo.

A actuación dos axentes saldouse coa instrución de dilixencias e coa citación para xuízo rápido a un dos condutores como investigado por un delito contra a seguridade viaria por condución temeraria. En concreto, o home estivo a piques de atropelar a varios dos axentes que lle daban o alto, obrigándolles a abandonar a calzada para non ser arroiados polo automóbil. Este home enfróntase a unha pena de prisión que vai desde os seis meses aos dous anos, así como á privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores de entre un e seis anos.

A Policía interpuxo, ademais, seis denuncias administrativas de tráfico a cinco dos pilotos. Cinco destas denuncias foron por condución temeraria e outra porque o condutor non presentara o seu vehículo á inspección técnica periódica. As multas serían de 500 euros e a retirada de seis puntos no carné de conducir.

Demanda veciñal

O Concello ten en marcha, actualmente, unha nova edición do Decidámolo Xuntos. Como parte do programa, están a levarse a cabo reunións coas diferentes asociacións do municipio. Precisamente, a celebración destas carreiras ilegais foi un dos temas que se abordaron durante algúns dos encontros con representantes do tecido asociativo. Así o confirma a edil de Desenvolvemento Asociativo, María Carmen Pan Matos, que sinala que varias “asociacións nos trasladaron a súa preocupación por estes feitos. Pola nosa parte trasladamos esta información á Policía Local, que xa estaba a centrar esforzos en evitar este tipo de condutas temerarias”.

Tamén che pode interesar