A rede de autoconsumo de Os Campóns producirá enerxía para cubrir o consumo do pavillón e doutras cinco instalacións

2 Nov 2022

    • O Goberno central acaba de conceder unha subvención ao Concello de 1,6 millóns de euros para a realización destas obras.
    • A axuda servirá para crear esta instalación na cuberta e para renovar por completo esta dependencia, converténdoa nunha edificación nZEB.
    • O alcalde, Óscar García Patiño, recibiu, esta mañá, á subdelegada do Goberno, María Rivas, a quen agradeceu “a boa disposición e a colaboración para executar este proxecto”.

    A futura rede de autoconsumo enerxético do pavillón Os Campóns producirá 195.000 kWh/a e abastecerá á propia instalación deportiva e ás dependencias municipais que estean a medio quilómetro de distancia. O Goberno central acaba de conceder ao Concello unha axuda de 1,6 millóns de euros para a execución deste ambicioso proxecto co que levará a cabo, ademais, a renovación integral desta dependencia. O alcalde, Óscar García Patiño, recibiu, esta mañá, á subdelegada do Goberno, María Rivas, que se desprazou ao municipio para falar sobre esta subvención. García Patiño agradeceu “a boa disposición e a colaboración do Goberno para executar este proxecto”, que cualificou como “esencial” para seguir apostando “pola sostibilidade e polo emprego dás enerxías renovables”.

    En Os Campóns, o proxecto supoñerá converter a edificación nun nZEB (nearly Zero-Energy Building). Isto é, nunha construción cun nivel moi alto de eficiencia enerxética e confort. Para logralo, a cuberta do pavillón contará cunha instalación de 600 placas solares capaz de producir 195.000 kWh/a. Esta cubrirá tanto o consumo da dependencia como o doutros inmobles situados a menos de medio quilómetro de distancia: a Oficina Municipal de Información Xuvenil (Casa Arrigada), a base de Protección Civil David Pisani, a Escola de Música Sementeira Cambre, o local social de Sigrás e o CEIP Gonzalo Torrente Ballester. Con todo, as intervencións abarcarán tamén melloras en canto ao illamento, á iluminación, ao control solar, accesibilidade e aproveitamento enerxético e hídrico.

    A fachada exterior renovarase completamente, instalando unha envolvente unificadora mediante láminas de madeira local, un material que garante a circularidade do proceso construtivo e que ten, ademais, un baixo custo de mantemento. Esta envoltura garantirá un mellor acondicionamento térmico e evitará a suba das temperaturas do edificio. As obras implicarán tamén a redefinición dos ocos da fachada, propiciando unha racionalización lumínica. A proposta do goberno local propón melloras na accesibilidade co fin de darlle un maior protagonismo e prioridade ao peón. Así mesmo, exponse melloras de usabilidade na pista polideportiva e nas bancadas, asegurando a correcta renovación do aire e o confort dos usuarios e usuarias. A iniciativa supoñerá, por último, a instalación dun sistema BMS (Building Management System) co que se automatizarán e controlarán os consumos, a climatización e a iluminación.

    Unha liña de traballo
    Durante o encontro, o rexedor sinalou que, ademais do de Os Campóns, o Concello presentou outros dous proxectos ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep local): un no CEIP Wenceslao Fernández Flórez e outro no de O Graxal. Como no caso do pavillón, se o Concello recibe as axudas estatais, as obras implicarían dúas liñas de actuación: por unha banda, a renovación completa dos edificios e, pola outra, a creación de redes de autoconsumo enerxético nas cubertas dos centros de ensino.

    Con esta iniciativa, o goberno local mantén a súa aposta por poñer en marcha accións que promovan o respecto e o coidado do medio ambiente. Un compromiso que se cumpre coa renovación da frota municipal de vehículos con coches eléctricos e co proxecto para implantar a iluminación LED en Cambre, O Temple, A Barcala e no polígono industrial do Espírito Santo. Estas obras, que xa están en marcha, están a realizarse cunha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía Eléctrica (IDAE).

    Tamén che pode interesar

    Resumen de privacidad

    Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.