A V Open Science, a máis longa da historia, arrincará esta tarde. Farao coa recepción oficial dos máis de 100 mozos que participarán na feira científica. Os mozos proceden de toda Galicia, do resto de España e de países como Colombia, Italia e Portugal, entre outros. Tal e como avanzan as codirectoras desta edición, a actividade de hoxe servirá “como primeira toma de contacto cos rapaces e rapazas e será un xeito de romper o xeo”. Para lograr este obxectivo, o Concello e o club XentD100cia organizou varios espectáculos de entretemento.

A xornada inaugural comezará ás 20.30 horas cun concerto a cargo do grupo Sultanes del Swing. Unha hora despois, ás 21.30 horas, está prevista a celebración de led’s dance e dun baile a cargo do elenco do musical Bitelchus do IES David Buján. A función interpretouse, por primeira vez, na Open Science de 2020 pero, tendo en cuenta a boa acollida por parte do público asistente, a actuación replicarase no programa de hoxe. Nela, os bailaríns e bailarinas portan traxes con luces LED para realizar as coreografías. A última actividade será ás 22.00 horas, e consistirá nun espectáculo nocturno por parte de David Ballesteros.

Programación sábado

A Open Science continuará mañá, sábado 17 de setembro ás 12.00 h, cando terá lugar a inauguración oficial da feira ante a cidadanía. Como parte da xornada haberá espectáculos de ciencia, presentación dos traballos científicos, mesas redondas, talleres, prácticas e competicións deportivas, etc.