O goberno local aumentou nun 75% as axudas a asociacións, pasando dos 40.000 euros consignados en 2021 aos 70.000 euros deste ano 2022.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 10 de agosto.

O Concello de Cambre publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a apertura do prazo para realizar as solicitudes das dúas liñas de axuda para a promoción económica: as do Consolida Cambre e as das subvencións a asociacións empresariais.

No caso das axudas a asociacións empresariais o goberno local aumentou o orzamento nun 75%, pasando dos 40.000 euros consignados no 2021 aos 70.000 euros que se destinan para este ano 2022.

Este incremento prodúcese tras a incorporación dunha nova partida de 20.000 euros para sufragar gastos de investimento e dotacións de equipos, un desembolso que non se podía imputar nas convocatorias anteriores. A esta cantidade hai que sumar outros 50.000 euros cos que as entidades poderán custear as diferentes actividades que realicen. En todo caso, o prazo de execución sería o comprendido entre o 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2022.

Cada asociación poderá presentar un máximo de catro proxectos que deberán incluírse en, polo menos, dous das seguintes áreas de actuación:

• Adopción de protocolos, medidas e recomendacións para a actividade comercial ou empresarial dentro do novo escenario marcado pola covid-19.

• Transformación dixital, adaptación ás tecnoloxías da información e comercio electrónico.

• Dinamización e promoción da actividade comercial e hostaleira.

• Mellora da competitividade empresarial.

O importe máximo subvencionable por proxecto non poderá superar os 10.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes finaliza o 10 de agosto.

Consolida Cambre

No caso da nova edición do Consolida Cambre a cantidade consignada é de 60.000 euros, unha cantidade coa que se busca contribuír á consolidación dos proxectos empresariais emprendidos no municipio no 2018 e 2019.

Para lograr este obxectivo, esta liña municipal subvenciona ata o 100% das cotas de RETA ou na mutualidade do colexio profesional pagas nos 18 primeiros meses de actividade. En todo caso, o tope será de 1.100 euros por persoa solicitante.

O prazo para presentar solicitudes a esta convocatoria tamén finaliza o 10 de agosto.

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, apunta que a estas dúas liñas de axuda hai que sumar, ademais, “os incentivos á contratación do alumnado-traballador do obradoiro de emprego PROXEDISPROWEB”. O edil incide no compromiso do goberno local para seguir “impulsando medidas que fortalezan o tecido económico e empresarial en Cambre”.