Cambre aproba un novo suplemento de crédito de dous millóns de euros para pagar facturas e mellorar dous campos de fútbol municipais

31 Out 2024

O pleno do Concello de Cambre aprobou hoxe, xoves 31 de outubro, o suplemento de crédito 3/2024, por importe de 2.045.209,99 euros, e de crédito extraordinario, por 4.249,45 euros, con remanente líquido de tesourería para gastos xerais.

A proposta, un dos puntos da sesión ordinaria correspondente ao mes de outubro, contou cos votos favorables de Unión x Cambre e Alternativa dos Veciños, e a abstención do resto dos grupos da Corporación, PP, PSOE e BNG, e a concelleira non adscrita.

Por unha banda, dita suma será destinada a suplementar crédito ás facturas que non puideron incluírse por falta de fondos no recoñecemento extraxudicial aprobado no pleno ordinario de xullo. Para este fin destinaranse 235.228,32 euros, que se repartirán entre varias facturas relacionadas con equipos informáticos, limpeza e mantemento de instalacións municipais, así como para dotar de crédito ao proceso de liquidación do contrato con Jardincelas SL, declarado nulo en sesión plenaria en abril deste mesmo ano.

O importe restante, 1.814.231,12 euros, dedicarase a actuacións en instalacións deportivas municipais. Con este crédito poñeranse en marcha melloras na iluminación nos campos de fútbol da Barcala e Dani Mallo, e a reposición do céspede sintético do campo de fútbol de Lendoiro, cuxo proxecto xa foi entregado pola empresa redactora no Concello.

“O problema máis grande é que se están lesionando xogadores e rapaces polo estado do céspede”, sinalou a alcaldesa, María Pan, que resaltou o aforro que suporá o cambio a iluminación LED. Á súa vez, a rexedora detallou que “é agora que temos todos os permisos cando traemos este proxecto a pleno para a súa aprobación, e a nosa idea é adxudicalo este ano”.

Ademais, a alcaldesa respondeu as dúbidas sobre o posible incumprimento do principio de estabilidade orzamentaria que podería supoñer a aprobación do suplemento, unha vez se retomen as regras de gasto en 2025. “Posiblemente acabemos nun plan económico financeiro o ano que vén, e non pasa nada. Xa estivemos nesta situación e saímos adiante”.

Pola súa banda, o concelleiro de Economía e Facenda, Dani Mallo, pediu “un mínimo de tranquilidade” á Corporación para que o Goberno local tome decisións, e aclarou que “se facemos un suplemento é precisamente para non quitar fondos doutras partidas, non é verdade que vaiamos quitar ningún servizo”.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.