Co fin de estimular a participación cidadá respecto ao documento “máis importante para Cambre”, o Plan Xeral estará exposto na web municipal e, ademais, poderá consultarse na propia Casa do Concello. Para acudir presencialmente, os veciños e veciñas deberán solicitar cita previa a partir de mañá, venres 20 de xaneiro. Poderán facelo na Casa do Concello, a través do teléfono 981 61 31 28 e da páxina web e consultar o documento de forma presencial desde a próxima semana. En cada unha destas citas, as persoas poderán revisar a documentación do Plan Xeral e terán ocasión, así mesmo, de formular calquera dúbida á persoal da área de Urbanismo, que estará presente nestes encontros. O Concello prevé, ademais, crear un modelo de alegación para favorecer que os cambreses e cambresas poidan facer as súas achegas ao documento de plan.
A maiores, estase a traballarse xa na planificación do cronograma de encontros nas parroquias. Nestas citas, nas que tamén estarán os responsables da empresa redactora, explicaranse as liñas xerais do PXOM de Cambre, incidindo, ademais, nas particularidades que afectan a cada parroquia. As persoas asistentes terán a oportunidade de expor tamén preguntas á empresa redactora.
O período de exposición pública é un dos pasos previos da aprobación provisional do documento. Unha vez conclúa esta etapa, a empresa estudará todas as achegas formuladas polos veciños e veciñas e polas diferentes administracións e aplicará os cambios e axustes necesarios no plan para, a continuación, elevalo ao pleno para a súa aprobación provisional.
Así é a primeiro PXOM de Cambre
O primeiro PXOM de Cambre buscará potenciar tanto o patrimonio cultural como o ambiental. Por unha banda, o catálogo de bens culturais experimenta un crecemento exponencial. As Normas Subsidiarias incluían 20 elementos protexidos. O Plan Xeral, con todo, eleva a cifra aos 421, propoñendo a inclusión de elementos “máis aló dos evidentes para dignificalos e darlles o valor que merecen”. Doutra banda, o documento buscará potenciar tamén a riqueza natural e ambiental do municipio. Un valor que se sustenta en varios principios: na presenza do encoro de Cecebre (un espazo natural incluído na Rede Europea Natura 2000) e na declaración de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como Reserva de Biosfera.
O PXOM buscará, así mesmo, poñer en valor o patrimonio fluvial do termo municipal: non só en río Mero, senón tamén o Valiñas, Brexo, Gándara, San Benito, San Pedro e San Marcos.
Previsión de vivendas
No tocante á vivenda, prevese a construción de 4.339 nos próximos 30 anos. É dicir, a previsión a 16 anos sería dunhas 2.169, por baixo do máximo permitido. Neste punto, o equipo redactor do PXOM indicou que se trata dunha cifra “axustada” tanto á dinámica de crecemento do municipio como á do resto de concellos que conforman a área metropolitana. O PXOM inclúe, ademais, 104,52 hectáreas de espazos libres e equipamentos.
Niveis estruturais
O PXOM potenciará a Vila de Cambre como un nodo urbano-residencial e de servizos que contará, ademais, cun centro de valor histórico (a contorna do castro de Cambre e da igrexa de Santa María). O seu desenvolvemento basearase no recoñecemento desta singularidade e, ademais, na posta en marcha dun conxunto de actuacións que resolvan a problemática de tráfico rodado. Doutra banda, o eixo A Barcala, O Temple e O Graxal exponse como un centro urbano e de actividade comercial e terciaria da área.
Os agregados urbanos de Pravio, Catro Camiños, Espírito Santo, Sigrás, N-550, Brexo, Lema e Meixigo concibiranse como nexo e soporte infraestrutural e de servizos, sen tampouco esquecerse da consolidación dos núcleos rurais como receptores de tecido residencial.
Polígono industrial
Outra das premisas é ampliar o polígono do Espírito Santo. Contémplanse ata tres procesos de incremento da superficie do parque industrial e proponse, ademais, a mellora da súa accesibilidade e funcionalidade para garantir o seu crecemento. Máis aló do Espírito Santo, o PXOM promove e garante a pervivencia dos centros de actividade do Temple, A Telva e Graduil.
Mobilidade e transporte
En canto á mobilidade e o transporte, o PXOM recolle numerosas melloras. Por unha banda, se aposta polo tren de proximidade como un medio alternativo ao coche para vertebrar e conectar a área metropolitana e mesmo para achegar o municipio á cidade de Ferrol e mesmo á Coruña. Polo outro, o documento reflicte novas infraestruturas viarias que buscarán tamén mellorar a conexión entre Cambre e o resto de municipios da comarca.