Segundo os cálculos dos servizos técnicos municipais, a execución destas peticións veciñais supoñerá un investimento de 321.000 euros. Da cifra total, o goberno local decidiu usar os 160.000 euros que a Xustiza devolveu ao Concello para levar a cabo estas obras. As peticións gañadoras do VII Decidámolo Xuntos e que se farán nun prazo de dous anos naturais son as que, a continuación, se especifican:
- Investimento para plantar árbores en Curros Enríquez: instalación de máis árbores e de novos xardíns con céspede e flores para conseguir máis zonas de sombra.
- Acondicionamento no local social de Brexo-Lema: realización de traballos para que o espazo sirva de almacén para as asociacións.
- Zona verde no castro: mantemento do castro durante todo o ano como zona de recreo, arranxando a entrada mediante a construción dunha rampla de madeira que permita o acceso peonil.
- Parque no Monte dos Veciños: converter o Monte dos Veciños nunha zona de recreo para o municipio, equipándoa con mobiliario acorde á contorna.
- Impulsar unha zona de recreo e esparexemento no Souto.
- Humanización da contorna da igrexa de Cela: actuación para humanizar a contorna, creando zonas axardinadas, reparando o firme e substituíndo o peche, e eliminando o poste localizado na zona central.
- Instalación de sumidoiros no camiño 333 de Anceis.
- Habilitar a baixo cuberta do local social de Meixigo: acondicionar a zona de baixo cuberta da Casa do Pobo, facer a instalación eléctrica e deixalo apto para o seu uso como almacén.
- Renovación das xanelas e colocación de persianas no local social de Bribes.
- Elevación de pasos de peóns na rúa Otero Pedraio.
- Instalación de mesas de tenis de aceiro na rúa peonil situada detrás do centro de saúde e da escola infantil do Temple.
Edicións anteriores
En cumprimento coas especificacións do manual do Decidámolo Xuntos, o Concello executou xa a maioría dos investimentos que resultaron gañadores nas dúas últimas convocatorias do proceso participativo. En 2020, por exemplo, a porcentaxe de execución é do 71,4%. Do 28,3% restante, un 14,3% correspóndese con obras que están en execución e o outro 14,3% cuns traballos de asfaltado que non se levaron a cabo despois de que os técnicos municipais comprobasen que a vía se atopa en bo estado de conservación. En canto ás propostas incorporadas nos orzamentos de 2021, a porcentaxe de iniciativas executadas é do 61,5%. O 11,1% das obras atópanse en execución, o 22,2% en fase de contratación e o 44,4% restante conta cun proxecto xa redactado.