Tres dos catro artistas do VI Cromático Mural Fest deron xa as súas primeiras pinceladas. Trátase, unicamente, dos trazos iniciais das súas obras, pero deixan entrever como podería ser o resultado final. A galega, Lida Cao, o artista catalán, Tope Skinwalls, e a muralista natural de China, Satr, iniciaron os seus traballos nos muros do Temple, Meixigo e Cambre, respectivamente. A previsión é que o cuarto e último participante, Ricardo Romero, faga o propio mañá, mércores 26 de xullo, en Sigrás.
Por unha banda, Lida Cao está a crear unha María Pita a gran escala no paseo dous Templarios nº. 10. Baixo o título Quen teña honra, que me siga, a galega representará á heroína galega como un auténtico símbolo de empoderamento feminino.
Tope Skinwalls está a traballar na Casa do Pobo de Meixigo en base a unha premisa principal: hai vínculos que xeran espazos e espazos que xeran vínculos. É o caso da construción deste local, no que os veciños e veciñas da parroquia tiveron un papel determinante. As paredes da Casa do Pobo funcionarán como unha especie de códice, e recollerán tatuaxes que mostrarán os elementos identitarios que mellor representan aos veciños e veciñas de Meixigo.
Por último, o traballo de Satr na estrada Cambre-O Temple nº. 3 dará lugar a Curiosity from the Universe. Haberá dous elementos que protagonizarán o mural da artista. Por unha banda, a mazá, que evoca as marabillas do universo (a tentación en mans de Eva e o coñecemento cando esta froita caeu sobre a cabeza de Isaac Newton) e, polo outro, os raposos, criaturas cheas de curiosidade que evocan a exploración do mundo descoñecido.
Programa completo
O programa deste ano inclúe varias actividades formativas. Por unha banda, a masterclass de muralismo xeométrico a cargo de Spogo, que se celebrará na urbanización A Barcala ata mañá, mércores 26 de xullo. Polo outro, Viviana Luccisano está tamén impartindo un taller de iniciación á arte urbana en casa Arrigada.
Na oferta destaca, así mesmo, o mural colaborativo. Nesta edición, a obra plasmarase na Barcala e estará coordinada polo autor Spogo. A iniciativa, que terá lugar entre o 27 e o 29 de xullo, está aberta a toda a cidadanía, que pode sumarse deixando o seu sinal artístico. O Cromático Mural Fest concluirá o venres, 28 de xullo, cunha visita guiada aos murais (19.00 horas).
As persoas interesadas en anotarse nalgunha destas actividades poderán facelo a través da páxina web omix.cambre.es.