Cambre volverá involucrar aos veciños e veciñas na confección dos orzamentos municipais de 2023. Farao co lanzamento da sétima edición do Decidámolo Xuntos, un proceso participativo co que o Concello busca coñecer algunhas das principais solicitudes da cidadanía en materia de investimentos. Desde o goberno local reafirman o seu compromiso con esta iniciativa, explicando que está xa “asentada como unha das principais vías de participación cidadá das que dispón o Concello”.
Como en anteriores edicións, o programa estará dividido en varias fases: a primeira, de presentación de propostas, estará activa desde o vindeiro luns, 26 de setembro ata o 18 de outubro. Durante eses 21 días, os cambreses e cambresas poderán facer chegar as súas proposicións ao Concello. A seguinte etapa do Decidámolo consistirá na análise das iniciativas veciñais por parte dos servizos técnicos municipais. Unha vez concluído o estudo de todas as propostas, elaborarase unha listaxe coas que obtivesen unha maior votación segundo o manual de puntuación do proceso participativo. A última fase do programa municipal será a votación, dispoñible entre o 29 de outubro e o 7 de novembro. A previsión é que as propostas gañadoras da sétima convocatoria estean publicadas o 15 de novembro.
Os veciños e veciñas que desexen participar no Decidámolo Xuntos poderán expor as súas peticións en materia de novos investimentos. En caso de resultar gañadoras, estas incorporaríanse ao documento económico do Concello de Cambre para o 2023. Unha vez incluídas nos orzamentos, e tendo en cuenta os prazos de redacción, a solicitude de permisos ás administracións correspondentes e os períodos de contratación, o Concello poderá executar os proxectos nun prazo de dous anos naturais tal e como recolle o manual do programa.
Última edición
A edición de 2021 pechouse alcanzando as mellores cifras da súa historia. Desta forma, o Decidámolo Xuntos creceu tanto en número de propostas recibidas como en cantidade de propoñentes e cifras de participación. Por unha banda, solicitáronse 644 iniciativas veciñais, un 53% que no exercicio anterior. Esta tendencia á alza rexistrouse tamén na cantidade de persoas participantes: pasouse de 178 participantes en 2020 aos 322 de 2021, o que supuxo un aumento do 180%. Na edición de 2021 foron 2.485 os veciños e veciñas que emitiron os seus votos.