Cambre permitirá a realización de fogueiras e sardiñadas de San Xoán en espazos públicos

13 Xuñ 2023

Cambre permitirá a realización de fogueiras e sardiñadas de San Xoán en espazos públicos na noite do 23 ao 24 de xuño. Os veciños e veciñas interesados deberán solicitar unha autorización municipal antes das 13.00 horas do xoves, 22 de xuño. Deberán indicar o lugar de emprazamento da fogueira e o DNI da persoa responsable, que terá que ser maior de idade.

Esta solicitude poderán realizarse tanto de forma presencial nos rexistros de entrada de Cambre, como remitindo o modelo de solicitude dispoñible na páxina web municipal ao correo electrónico speis@cambre.org. Presencialmente, poderán tramitarse nestas datas e localizacións:

  • Concello de Cambre: os días 13, 14, 16, 19 e 21 de xuño de 10.00 a 14.00 horas.
  • Servizos Múltiples (antigo centro médico) os días 15 e 20 de xuño de 10.00 a 13.00 horas.

En caso da realización de cacharelas en espazos privados e co fin de que non se produza ningunha incidencia, as persoas responsables deberán presentar unha comunicación previa. Deberán encher o modelo correspondente e presentalo, de xeito presencial nos lugares anteriormente sinalados, ou a través do correo speis@cambre.org. Recoméndase ás persoas que fagan cacharelas e/ou sardiñadas e barbacoas que dispoñan dos medios adecuados en caso de ser necesario (extintor, mangueiras, etc.).

Queda prohibida a realización de fogueiras nas beirarrúas, prazas e en superficies que poidan quedar danadas polo lume ou a cinza, con excepción daqueles puntos autorizados polo Servizo Municipal de Emerxencias de Cambre.

As persoas responsables deberán limpar un radio de cinco metros ao redor da fogueira. Como norma xeral, estas non deberán superar os 2,5 metros de altura, non poderán estar situadas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos nin tampouco poderán estar nas inmediacións dun local no que se almacenen produtos inflamables. Así mesmo, deberase garantir unha distancia mínima de 15 metros con respecto a contedores, vehículos, vivendas, farois etc.

Está prohibido o uso de combustibles e acelerantes, así como a queima de pneumáticos, plásticos, escuma de poliuretano e outras substancias que desprendan fume tóxico. Os responsables deberán contar con extintor ou con medios adecuados e terán que atender, ademais, ás esixencias dos servizos de emerxencias e seguridade.

A hora límite para rematar a celebración será ás 3.30 horas. Ao terminar, os responsables deberán asegurarse de que os restos estean totalmente apagados, debendo limpar o espazo autorizado antes de 24 horas. En caso contrario, deberán asumir o custo da limpeza.

Tamén che pode interesar