Cambre retoma os programas Prisma e Amarí para atender e apoiar a colectivos en risco de exclusión social

2 Out 2024

O Concello acaba de arrincar unha nova edición de dúas dos programas de Servizos Sociais para a atención de colectivos en risco de exclusión: Prisma e Amarí. O primeiro, enfocado á intervención socioeducativa con menores e adolescentes, mentres que o segundo está destinado á poboación xitana. O salón de plenos acolleu hoxe a presentación das iniciativas, que correu a cargo da alcaldesa, María Pan, da concelleira de Servizos Sociais e Recursos Humanos, Landa Díaz, e das técnicas en Integración social responsables dos proxectos, María Loira e Carla Sánchez, respectivamente, así como a coordinadora de Servizos Sociais, Ana Monje.

No acto, a rexedora subliñou a aposta do goberno por dar continuidade a este tipo de iniciativas, “sobre todo tendo en conta as cifras que o persoal técnico conseguiu a nivel asistencial e que reafirman a necesidade de manter este tipo de proxectos”. Na mesma liña, a concelleira de Servizos Sociais apuntou que programas así son “clave” para “promover a igualdade de oportunidades”, avanzando que, proximamente, se iniciarán outros proxectos “cos que nos dirixiremos a outros colectivos en risco de exclusión social, ampliando así o abano de persoas que se poden ver beneficiadas destas accións”.

Inserción sociolaboral dos mozos

Por unha banda, Prisma persegue un claro obxectivo: a inserción laboral e social de mozas de entre 16 e 25 anos que se atopan fóra do sistema de educación regrado. Para lograr este obxectivo, o persoal traballa con mozos e mozas desde diferentes áreas de intervención: a laboral (por medio de orientación e axuda na procura de emprego), a educación formal (derivación de competencias clave e orientación académica), educación non formal (información e asesoramento sobre programas de voluntariado e/o actividades formativas de lecer), sanitaria (proporcionando asesoramento acerca de relacións afectivo-sexuais, prevención de consumo de drogas etc.), lecer (estimulando a participación dos mozos nas actividades da OMIX de Cambre) e convivencial (intervención e mediación familiar e realización de visitas domiciliarias).

Desde a súa posta en marcha no ano 2018, conseguíronse resultados. Así, desde ese ano, atendeuse a 86 mozos. Do total, lográronse 37 insercións laborais e outros 32 usuarios e usuarias retomaron os seus estudos. Estes números son froito do traballo dunha técnica en Integración social que se encarga de impartir talleres sobre diferentes temáticas e que se encarga de atender de maneira personalizada a cada participante realizando seguimentos e derivacións a outras administracións cando é preciso.

Inclusión da etnia xitana

Outro dos programas que continuarán será Amarí (nosa en caló), co que o Concello busca promover a inclusión social das familias xitanas de Cambre. A iniciativa púxose en marcha por primeira vez no ano 2022, atendendo a 72 persoas, incluíndo tanto nenos/as como adultos.

En liñas xerais, Amarí buscará cumprir os seguintes obxectivos: apoiar o desenvolvemento dos dereitos fundamentais e mellorar a calidade de vida das persoas xitanas, promover a igualdade e o desenvolvemento da muller e, por último, garantir a súa efectiva igualdade de oportunidades. Para cumprir con estas liñas mestras, o programa terá un carácter educativo, integrador, sensibilizador, de mediación e preventivo.

Unha vez que apareza un caso, a traballadora e a educadora social elaborarán, xunto coa técnica de integración social, un proxecto de atención individual para traballar as diferentes áreas de actuación: saúde, educativo formal, educativo non formal, convivencial, lecer e laboral. Para conseguir estas liñas mestras, a técnico en Integración social interveu coas persoas participantes en accións como a realización de diferentes xestións telemáticas (solicitude de citas no rexistro, na Seguridade Social ou no Sergas), dar apoio para cubrir a documentación necesaria para realizar distintas xestións, información e asesoramento sobre actividades de formación, mediación con diferentes centros educativos para previr condutas racistas fronte aos alumnos/as de etnia xitana, apoio na elaboración do currículo vitae, visitas domiciliarias etc.

Os programas Prisma e Amarí están cofinanciados pola Unión Europea no marco do Programa Operativo do Fondo Social Europeo (FSE+) Galicia 2021-2027. O obxectivo temático é a “Inclusión Social e loita contra a pobreza”.

As persoas que desexen obter máis información ou participar nestes proxectos poden contactar co departamento de Servizos Sociais a través do 981 65 48 12 e do correo electrónico ser_sociales@cambre.org.

Tamén che pode interesar

“Cambre Escoita”

A Alcaldesa Impulsa a Participación Cidadá con Reunións Semanais Un diálogo aberto para construír un concello máis...

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.