Cambre sacará a gran pantalla á rúa co seu novo programa Cinema á fresca

9 Xul 2024

Cambre estreará, esta semana, o seu novo programa de lecer de verán, Cinema á fresca. Como parte da iniciativa, o Concello realizará varias proxeccións para todos os públicos e ao aire libre, sempre que a previsión climatolóxica o permita. Os dous primeiros filmes chegarán esta semana ao Parque da Igrexa e os dous seguintes, no mes de agosto, ao Ramón Barba e á praza Casares Quiroga da Barcala.

O programa inaugurarase este venres, 12 de xullo, ás 22.00 horas con Inspector Sun e a maldición da viúva negra, para público familiar. A obra está ambientada nun mundo de insectos paralelo ao dos humanos e no que o Inspector Sun, unha araña solitaria, lidera a súa última misión contra a súa archienemigo Lagosta Vermella antes de embarcarse nun merecido retiro. As súas vacacións acaban abruptamente cando o millonario Dr Spindelthorp aparece asasinado, abríndose así un caso no que estará en xogo o destino de toda a humanidade.

Ao día seguinte, sábado 13 de xullo, será a quenda de Matria. A proxección levarase a cabo ás 22.00 horas, pero ás 21.40 horas está previsto un coloquio a cargo da directora de fotografía e veciña de Cambre Lucía Catoira Pan. O seu traballo fotográfico en Matria valeulle para facerse co Mestre Mateo a mellor Dirección de fotografía, así como cun nomeamento nos Premios Goya. Durante a charla, a cambresa terá a oportunidade de contar, non só a súa experiencia nesta obra, senón tamén a súa traxectoria á fronte doutros proxectos. Lonxe de ser o seu único galardón, Catoira Pan conta con varios Mestre Mateo polo seu labor en Dhogs, Trote e ¿Qué hicimos mal? A maiores, conseguiu o Premio Cans 2020 á mellor Fotografía por 16 de decembro.

Matria está dirixida a público adulto e, nela, a protagonista é Ramona, unha muller de 40 anos que vive sumida nun contexto laboral e persoal precario. Así, fai malabarismos con múltiples traballos para manterse á boia e poder proporcionar un futuro mellor á súa filla Estrela. Pero cando a súa filla está preparada para tomar o seu propio camiño, a nai dáse conta de que, por primeira vez, pode facer algo por si mesma.

Agosto

No mes de agosto, a dinámica do ciclo será a mesma, pero cambiaranse os escenarios. O sábado, 24 de agosto, ás 22.00 horas proxectarase no Ramón Barba Lightyear, a película na que se revela a orixe do xa clásico heroe de Toy Story. Nesta ocasión, Buzz está atrapado nun planeta hostil a 4,2 millóns de anos luz da Terra e tentará volver a casa a través do espazo e o tempo.

Ao día seguinte (domingo, 25 de agosto ás 21.00 horas), a praza Casares Quiroga da Barcala acollerá ¡Salta!, tamén para público familiar. Nela, cóntase a historia de Óscar e Teo, dous irmáns moi distintos entre si e que viven nun modesto piso de barrio. A pesar das súas diferenzas, ambos lidan coa desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buracos de verme.

A entrada para todas as proxeccións é libre ata completar aforo. As localizacións poderían modificarse en caso de mal tempo.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.