Cambre solicita á Xunta que busque unha fórmula para axilizar a execución das parcelas de particulares sen limpar

6 Ago 2022

O concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, sinala que se trata dunha cuestión que se repite ano tras ano e que xera unha gran preocupación veciñal.

A tramitación para executar a xestión da biomasa require de numerosos pasos que dilatan a solución das demandas da cidadanía.

O Concello solicita á Xunta de Galicia que busque unha fórmula para axilizar a execución das leiras de particulares que están sen limpar. Trátase, tal e como indica o concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, “dunha cuestión que se repite ano tras ano no verán, e que xera unha gran preocupación entre a veciñanza, sobre todo na situación actual de risco extremo por incendios”. Con todo, como explica o edil, “a tramitación para executar estas limpezas de forma subsidiaria é moi longa, requerindo de varias notificacións ás persoas propietarias da parcela co seu correspondente período de alegacións”. Ante isto, o Concello pide á Xunta, de quen depende a Lei do Solo e a Lei de Montes que regulan esta cuestión, que busque vías e fórmulas que permitan dar unha solución a esta problemática.

Tal e como marca a normativa, os propietarios das leiras teñen a obrigación de xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, así como ao redor das edificacións destinadas a persoas, vivendas illadas e situadas a menos de 400 metros do monte e que tamén ao redor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte. Unha vez detectado o incumprimento, o Concello realiza os requirimentos aos donos das parcelas. O gran número de pasos dilata os tempos, podendo mesmo pasarse o período estival (o de maior risco) sen concluírse toda a tramitación. No caso das propiedades urbanas, o Concello pode levar a cabo tamén a xestión de biomasa subsidiariamente. Con todo, se a parcela está pechada, a Administración local non pode acceder á mesma salvo coa autorización dun xuíz. González Leirós considera que estes procedementos “non permiten ao Concello executar a biomasa coa celeridade que se require nunha situación de risco como a actual”.

Actualmente, o Concello está adherido a un convenio coa Xunta, a Fegamp e Seaga co que se están executando 10 hectáreas de predios de titularidade privada. A maiores, Cambre dispón de con un Plan municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais no que se define a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa.

Aproveitamento do monte

O concelleiro considera que “o monte debería estar nas mellores condicións posibles. É fundamental recuperar os terreos que están abandonados e buscar unha fórmula como, por exemplo, a custodia do territorio, para sacarlles un maior rendemento”. González Leirós considera que esta medida “podería ser o mellor xeito para minimizar os danos que se están sufrindo polos incendios”. 

En todo caso, o Concello seguirá xestionando as solicitudes que os veciños e veciñas remitan con respecto á xestión da biomasa en parcelas privadas. As persoas que se atopen nesta situación poden informar ao Concello vía telefónica ou a través do correo urbanismo@cambre.org. Deberán achegar a referencia catastral para que os técnicos municipais poidan realizar controis pertinentes.

Segundo as indicacións da Consellería do Medio Rural, Cambre non se sitúa como un dos municipios con maior risco pola onda de incendios. En caso de producirse algunha emerxencia deste tipo, o Concello conta co Servizo Municipal de Emerxencias, que dispón de medios para atender este tipo de situacións.

 

Tamén che pode interesar