Juan Massana impartirá unha charla sobre teoría da cor coma broche final ao programa Historias detrás dun cadro

25 Mar 2024

O pintor, poeta, profesor e veciño de Cambre, Juan Massana, impartirá unha charla sobre teoría da cor que incluirá dúas sesións formativas. A actividade levarase a cabo os días 2 e 3 de abril ás 19.30 horas en Vila Concepción. Con esta proposta, o Concello busca poñer un broche final ao programa Historias detrás dun cadro, co que se deu a coñecer o traballo pictórico dunha trintena de artistas profesionais e amateurs.

Esta charla busca completar o proxecto municipal, especialmente tralo grande interese suscitado polos veciños e veciñas, algo que se traduciu nas boas cifras de asistencia ás distintas exposicións que o Concello organizou ao longo dos últimos meses. Coa proposta, as persoas participantes poderán aprender de Juan Massana, que conta cunha ampla experiencia dentro do sector do deseño e a comunicación. Ao longo da súa traxectoria profesional, Massana expuxo amplamente tanto en España como no estranxeiro, con mostras en Ginebra, Os Ángeles ou en San Francisco. O pintor representou a España na Olimpíada Cultural de L.A. e a Biblioteca Nacional de España dedicoulle, no 2004, a exposición Guardianes de la memoria: Massana, pintura y literatura. É, ademais, autor de cinco poemarios, dous libros xuvenís e un libro dixital.

A actividade é gratuíta, pero as prazas son limitadas. Por tanto, as persoas interesadas deberán facer os seus reservas chamando ao teléfono 981 61 31 93 en horario de 8.00 a 15.00 horas.

Última exposición

Vila Concepción acollerá ata o 4 de abril a quinta e última exposición de Historias detrás dun cadro. Nesta ocasión, a mostra recolle a obra pictórica de oito artistas: por unha banda, o de Paloma Díaz-Castroverde e o de Carmen Quiñoá, ambas as profesoras das actividades socioculturais do Concello e da Asociación Cultural de Santa María do Temple e, polo outro, as obras de Carmen López Redondo, Avelino Quintela, María Teresa Ponte, Adela López, Concepción Fernández e Rosario Esmorís, alumnos e alumnas das dúas mestras.

 

 

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.