María Pan, elixida nova alcaldesa de Cambre: “Os tempos requiren de valentía e responsabilidade política e ese é o meu compromiso”

22 Mar 2024

“Hoxe non é un día para grandes discursos, os tempos que corren en Cambre requiren de valentía e responsabilidade política para desbloquear o Concello e ese é o meu compromiso”. Estas foron as primeiras declaracións que a nova alcaldesa, María Pan Lesta, pronunciou, esta mañá, durante o pleno de investidura. A rexedora foi elixida cos sete votos de Unión x Cambre e co voto da concelleira non adscrita, que lle valeron para converterse na primeira muller en ostentar a Alcaldía do municipio. Durante a súa intervención, Pan Lesta incidiu en que ten por diante un “importante desafío como é facer que Cambre volva á senda da tranquilidade e do crecemento”, pero admitiu que se trata dun reto que asume con “orgullo e ganas”.

No pleno postuláronse a candidata de Unión x Cambre, María Pan Lesta, e a do PP, Diana Piñeiro. María Pan obtivo os sete votos dos concelleiros e concelleiras do seu grupo e o da edil non adscrita, María Elena Lauda. Pola súa banda, Diana Piñeiro conseguiu os votos dos catro edís da súa agrupación. Desta forma, ao non alcanzar ningunha das candidaturas a maioría absoluta necesaria, prevaleceu a lista máis votada, resultando alcaldesa María Pan Lesta.

Novas vías de diálogo

Durante a súa primeira intervención no cargo, a primeira edil recalcou que traballará, ata o último día, “para buscar solucións á parálise que Cambre vive desde hai meses, abrindo novas vías de diálogo e entendemento para que a dimisión de Óscar García Patiño non caia en saco roto”. María Pan Lesta dedicou unha parte da súa intervención para falar, precisamente, do traballo realizado polo seu antecesor, que “nos deu unha lección de responsabilidade a todos e a todas dimitindo nun país no que ninguén o fai”, subliñou. A alcaldesa puxo en valor o “legado de Óscar García Patiño, unha herdanza que se pode ver nas rúas de Cambre”.

Pan Lesta destacou que se abre unha nova etapa en Cambre na que avogará por “tender pontes, romper coas liñas de traballo establecidas ata o de agora e por fomentar o diálogo entre ambas as partes”. A rexedora prometeu non escatimar “en esforzos, traballo e dedicación para buscar solucións e pagar a débeda cos provedores, coas asociacións e regular os servizos básicos para a veciñanza”. O obxectivo, como explicou a alcaldesa, non é outro que conseguir que Cambre volva funcionar “como ata hai ben pouco o facía”. Para logralo, a alcaldesa valorou a necesidade de apostar polo “diálogo, a reflexión e a busca conxunta de solucións” e lembrou que tanto políticos como persoal funcionario son “servidores públicos da veciñanza e dunha institución, o Concello de Cambre, que ten que estar por riba de todos nós e á que lle debemos respecto en maiúsculas”, subliñou.

Pan Lesta concluíu a súa intervención dando as grazas aos seus compañeiros e compañeiras de partido “polo seu apoio incondicional, que me permite seguir á fronte deste proxecto ilusionante no só se fala de Cambre”. O agradecemento fíxose extensivo tamén aos concelleiros de UxC, aos que recoñeceu o seu traballo e esforzo nos últimos meses e aproveitou, así mesmo, para darlle a benvida á nova edil de Unión x Cambre, Yolanda Díaz Baldomir, que tomou posesión esta mañá.

A alcaldesa deu as grazas ás empresas e veciños e veciñas pola súa “paciencia e saber estar ao longo dos últimos meses” e aos membros da corporación municipal, cos que se comprometeu a manter un diálogo constante. Pan Lesta agradeceu, así mesmo, o apoio incondicional do seu marido e dos seus dous fillos, “piares esenciais sen os que non podería estar hoxe aquí”.

A primeira edil avanzou que a investidura abre “unha nova etapa para Cambre que eu afronto con ilusión e con responsabilidade política”, e animou a traballar todos “da man porque, se ou conseguimos, o éxito será para Cambre”.

Tamén che pode interesar