Medio centenar de mozos do IES David Buján ultiman detalles para celebrar o quinto aniversario da Open Science

14 Set 2022

Casa Arrigada acolleu a presentación do evento, que contou coa presenza do concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, as codirectoras, Moraima Núñez e Candela Mayer, e do profesor do IES David Buján, José Viñas.

Nove comisións conformadas por máis de 50 mozos. Así será a V Open Science, organizada polo Concello e o club XentD100cia do IES David Buján. A feira científica achégase, desta forma, ao seu quinto aniversario mantendo a esencia dos inicios. Desta forma, aínda que as codirectoras desta edición, Moraima Núñez e Candela Mayer, son as clases visibles da cita, detrás atópase un equipo de medio centenar de voluntarios de varios cursos do IES David Buján que últiman xa todos e cada un dos detalles da feira científica. Trátase dunha particularidade que o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, cualificou, esta mañá, como “característica diferencial” da Open Science con respecto a outros eventos científicos nacionais e mesmo internacionais.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil, localizada en Casa Arrigada, acolleu, esta mañá, a presentación oficial da quinta edición, na que tomaron parte o concelleiro, as dúas codirectoras da Open Science, o profesor do IES David Buján, José Viñas, e un nutrido grupo de alumnos e alumnas do centro de ensino. Durante a súa intervención, Daniel Mallo agradeceu “o magnífico labor que estes mozos e mozas realizan para converter á Open Science nun evento de referencia que acaba de ser incluído na Semana do Desenvolvemento Sostible e que recibiu, ademais, o recoñecemento da ONU”.

Pola súa banda, as codirectoras explicaron as principais novidades de 2022, falando, ademais, das funcións de cada unha das comisións (xurado, espectáculos, acollidas, e-sports, drons, información, páxina web, talleres e deportes alternativos) e das actividades que conformarán a programación. Unha das diferenzas con respecto a anteriores edicións será a ampliación do programa que, este ano, contará con tres días de actividade. A outra será Cromo, bautizada na presentación como a mascota da Open Science. O personaxe estará moi presente na feira científica e o seu papel consistirá en animar o ambiente o sábado, 17 de setembro, e o domingo, día 18.

Actividades para todos os públicos

En canto ás propostas, as codirectoras explicaron que o programa deste ano incluirá as seguintes actividades: cafés científicos, disposición dun centenar de postos de divulgación, exposición de traballos de ciencia de estudantes tanto de Galicia como do resto de España e doutros países, talleres de R e de drons, e-sports, etc. Este ano incorpórase, así mesmo, o quidditch (deporte da saga de Harry Potter) como unha das actividades estrela durante a fin de semana.

O primeiro día da Open Science vivirase o venres, 16 de setembro, de 21.00 a 23.00 horas. A intención é que a xornada sirva como primeira toma de contacto cos estudantes estranxeiros. Os dous días seguintes, 17 e 18 de setembro, o programa contará con talleres, presentación de proxectos escolares, entrega dos premios OSC 2022 e con postos de divulgación (dos estudantes e de institucións).

Recoñecemento internacional

A Open Science está incluída dentro da Semana Europea do Desenvolvemento Sostible. A iniciativa, que inclúe propostas doutros 22 países, busca dar visibilidade ás actividades e eventos cunha liña de acción común: a promoción da sustentabilidade, da Axenda 2030 e os 17 ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). Ademais, a feira acaba de ser recoñecida como actividade da Semana Mundial dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Organización das Nacións Unidas.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.