O alcalde de Cambre pide que o IVE sexa un gasto subvencionable nos Fondos Europeos

8 Nov 2022

O Concello resultou beneficiario dunha subvención estatal de 1,6 millóns de euros dentro do programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP local). A contía servirá para executar a rehabilitación integral e instalar unha rede de autoconsumo enerxético na cuberta do pavillón Os Campóns. O alcalde, Óscar García Patiño, cualificou a axuda de “esencial” e lembrou que o Concello presentou outros dous proxectos a unha segunda liña. Con todo, o rexedor manifestou, esta mañá, a súa “inquietude” con respecto a unha cuestión do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia: a falta dun criterio unánime con respecto ao IVE. García Patiño avanzou que se solicitou que a contía que se corresponde con este imposto sexa tamén un gasto subvencionable nos Fondos Europeos.

Como explicou o rexedor, ademais da subvención dos Campóns, existen outros dous proxectos presentados á segunda liña estatal: un no CEIP Wenceslao Fernández Flórez e outro no colexio Graxal. En total, as tres iniciativas están valoradas en máis de 6,5 M€, o que implicaría que o Concello tería que abonar ata 1,5 millóns de euros para sufragar o IVE. García Patiño advirte que, no caso de que a Administración Local teña que facer fronte a este montante, “inhabilitaríase a posibilidade de poder afrontar calquera outro investimento que sexa necesario para o noso municipio”.

Falta dun criterio común

Trátase dunha preocupación que o rexedor transmitiu, hai xa uns días, á subdelegada do Goberno, María Rivas. García Patiño remitiu, ademais, unha carta á FEGAMP, á FEMP, á Deputación da Coruña e ao resto de administracións locais de Galicia que resultaron beneficiarias destas axudas estatais.

No escrito remitido polo Concello sinálase, por unha banda, que segundo a Lei Xeral de Subvencións (artigo 31.8 da Lei 38/2003 do 17 de novembro) “os tributos son gastos subvencionables cando o beneficio da subvención os abone efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda”. Trátase dun criterio referendado, ademais, na nota informativa emitida polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en marzo de 2022. Nela, anunciábase a modificación dos instrumentos normativos adoptados ata a data, abrindo a posibilidade de que as entidades locais puidesen repercutilo nos fondos europeos.

Tal e como se explica no escrito remitido polo Concello, o cambio de criterio produciuse coa publicación da orde das bases reguladoras da concesión de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública (PIREP local) do 28 de febreiro de 2022, nas que se indica o seguinte: “o importe relativo ao conxunto de tributos de todas as actuacións non será un gasto subvencionable, polo que deberá ser obxectivo do financiamento pola Entidade Local beneficiaria”. A orde do 29 de agosto sobre subvencións destinadas á transformación dixital e modernización das entidades locais no marco PRTR volveu evidenciar a falta dun criterio homoxéneo. Tanto é así, que no artigo 7.5 da orde indícase que “o Imposto sobre o Valor Engadido ou imposto indirecto equivalente poderá ser considerado subvencionable”.

O alcalde solicita, por todo iso, que os gastos do Imposto sobre o Valor Engadido se poidan repercutir nos Fondos Europeos. García Patiño explicou, esta mañá, que xa recibira resposta por parte dos representantes dalgunhas administracións e avanzou “que moitos xa amosaron a súa conformidade con respecto a esta reivindicación”.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.