O Apalpador rescatará lendas e mitos de todas as parroquias durante a súa xira polo municipio

9 Dec 2022

As lendas, mitos e tradicións das parroquias serán o fío condutor da xira do Apalpador polo municipio. Trátase dunha iniciativa coa que o Concello busca promover a diversidade e achegar a cultura e a tradición popular a todos os recunchos do concello e que viviu, a súa primeira experiencia, no 2016. Nesta ocasión, este personaxe repetirá o seu particular circuíto, que se prolongará entre o 17 e o 30 de decembro e incluirá as seguintes paradas: Sigrás, Cambre, Andeiro, Cecebre, San Lourenzo, Bribes, Cela, Pravio, Anceis, A Barcala, Santa María de Vigo, O Temple, Brexo-Lema e Meixigo. En cada unha das localizacións, O Apalpador rescatará unha historia vinculada co lugar que relatará ao público asistente.

A transmisión destes contos será a última parte da proposta da Concellería de Cultura. Esta está enmarcada no proxecto de promoción da diversidade cultural, histórica, musical, etnográfica e paisaxística de cada núcleo de poboación desenvolvido pola animadora cultural, Leticia Couto, e é froito tamén dun intenso labor de documentación realizada, ao longo dos anos, polo concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga. Para chegar a este resultado, as asociacións de veciños tiveron un papel esencial, na medida en que contribuíron a buscar testemuños capaces de transmitir parte da tradición oral da súa parroquia. Moitas destas historias teñen a súa base en lendas populares pero, noutros moitos casos, os contacontos están baseados en narracións orais transmitidas polos propios veciños e veciñas. O catálogo de contos inclúe historias de medo e outras nas que os protagonistas son seres da mitoloxía galega como mouros e trasgos, entre outros. En canto aos escenarios, aparecerán xeografías concretas do termo municipal, como castros e fontes.

Entre as historias que se relatarán atópase, por exemplo, a que envolve á Casa da Cultura Vila Concepción (O Temple), onde, segundo as crenzas populares, aínda hoxe habita a pantasma de Chichina. O coñecido como Pozo da Campá será tamén protagonista dun dos contacontos. Trátase dun lugar situado no río Mero e utilizado, hai anos, como zona de baño e xogos. Con todo, as lendas revelan un escuro segredo: un túnel de máis dun quilómetro que conectaba o Pozo da Campá co castro de Cambre e que a xente empregaba para fuxir en caso de perigo.

O Apalpador ofrecerá, en cada parroquia, dúas sesións de contacontos: a primeira, dirixida a nenos e nenas de ata 8 anos e a segundo, para público de 9 anos en diante. As datas e lugares de cada actividade poderán consultarse na páxina web municipal.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.