O Concello aboa a Augaservi os 288.627 euros incluídos no expediente de recoñecemento extrajudicial

5 Abr 2024

O Concello saldou unha parte da débeda contraída con Augaservi. Grazas ao recoñecemento extraxudicial que se elevou ao pleno do pasado luns (e que foi aprobado co voto a favor de UxC e o PSOE), a empresa encargada da xestión da auga viu abonados 288.627,94 euros en facturas pendentes. Trátase, como incide a alcaldesa, María Pan Lesta, “dunha boa nova para o Concello e, sobre todo, para esta empresa, que verá polo menos saldada unha parte do que se lle debe”.
A rexedora xa defendera que o recoñecemento extraxudicial era “a vía máis áxil para solucionar a situación e evitar que se poña en risco un servizo tan esencial para a cidadanía como é o da auga”. Pan Lesta incidía, ademais, en que se trataba dunha forma contemplada “polo Consello Consultivo como alternativa á revisión de oficio e que é moi recorrida polos concellos”.
Con todo, o recoñecemento levouse a pleno no mes de marzo co informe en contra das habilitadas nacionais de Secretaría e Intervención, que entendían que a compañía debía seguir prestando o servizo aínda que non se procedese ao pago das facturas pendentes. Finalmente, debido a un erro de redacción, a proposta tivo que volver expoñerse no pleno do pasado luns, cando recibiu o voto favorable de Unión x Cambre, do PSOE e a abstención do resto de partidos da corporación.
Pago de débeda
A alcaldesa confía en seguir dando pasos para proceder ao pago da débeda cos provedores. A rexedora lembra que, xa en decembro, propúxose abonar a metade desta débeda en paralelo á revisión de oficio. Trátase dunha medida que se expuxo á titular do departamento de Intervención e que coincidía, ademais, coas recomendacións que a Valedora do Pobo emitiu en informe remitido ao Concello. Con todo, a habilitada nacional determinou que as cantidades non se podían abonar ata que non concluíse a revisión de oficio.
Pan Lesta incide en que o pago da débeda “é a máxima prioridade”. Trátase dun obxectivo que a primeira edil confía en resolver por medio de dúas vías. Por unha banda, coa liquidación do orzamento de 2023, un trámite no que xa se está traballando desde a área de Intervención. Unha vez se finiquite este procedemento, a intención da alcaldesa é elevar un novo recoñecemento extraxudicial no que se recollan todas as facturas sen abonar. En todo caso, Pan Lesta confía en que o Consello Consultivo se pronuncie antes con respecto aos primeiros expedientes que o Concello. A alcaldesa aclara que xa se está traballando na elaboración dun terceiro expediente que se remitirá ao organismo o máis axiña posible.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.