O Concello destinará a segunda fase do Pos + Adicional 2/2024 a varias melloras na Barcala

29 Ago 2024

A mellora da seguridade peonil e da accesibilidade serán os obxectivos prioritarios das obras da segunda fase do Pos + Adicional 2/2024, cuxo importe ascende a 702.407,83 euros. Tal e como se aprobou hoxe, 29 de agosto, no pleno, os fondos provinciais destinaranse a dous proxectos centrados en mellorar a conectividade e avanzar na eliminación dos déficits urbanos, facilitando o uso dos espazos públicos a todos os veciños e veciñas.

A proposta contou cos votos favorables de Unión x Cambre, PP, PSOE e Alternativa dos Veciños e a abstención do BNG.

O primeiro proxecto contempla a pavimentación de beirarrúas na mazá M-3 da Barcala, coa finalidade de mellorar tanto a accesibilidade como a seguridade na zona como o resolver humidades en rochos dos edificios. Deste xeito, exponse realizar o revestimento das beirarrúas na rúa Río Mero, Río Miño e Río Mandeo, así como na praza Amador e Daniel. Realizarase, igualmente, á instalación de recollida de pluviais, de equipamento urbano (alcorques, vexetación, bancos, papeleiras…) e, por último, á colocación de varandas que se adapten á normativa actual.

No respectivo ao segundo proxecto, contémplase a mellora da accesibilidade á praza Casares Quiroga, na Barcala, para, así, garantir a non discriminación no acceso e na utilización deste espazo público así como evitar humidades en rochos da edificación. Para iso, faise necesario demoler as beirarrúas existentes e repoñelas cun novo pavimento de formigón, mellorando notablemente o aspecto e a funcionalidade de todo este espazo.

O concelleiro de Urbanismo, Obras e Servizos, Juan González Leirós, asegurou que se trata “de dúas actuacións fundamentais para continuar coas melloras de accesibilidade no noso termo municipal e evitar, deste xeito, que sigan existindo barreiras que supoñen unha discriminación no acceso e a utilización de determinados lugares públicos”.

 

Festivos locais para 2025

 

Durante a sesión fixáronse, ademais, os festivos locais para 2025. En primeira instancia, e tal e como figuraba na orde do día, propuxéronse o martes de Entroido, 4 de marzo, e o día de San Roque, 16 de agosto.

Ante a urxencia de aprobar a proposta, pois de non enviala aos órganos competentes antes do 1 de setembro teríanse que establecer os mesmos que neste ano, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción de urxencia para declarar como festivos locais en 2025 o martes de Entroido, 4 de marzo, e o 24 de xuño, San Xoán, defendendo o arraigamento desta festividade na comunidade.

Tras aprobar, por unanimidade, a urxencia da cuestión, a moción saíu aprobada cos votos en contra de UxC e Alternativa dos Veciños e a favor do BNG, PSOE e PP.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.