O Concello iniciou, esta mañá, os traballos para demoler un edificio inacabado en Os Campóns (Sigrás). Trátase dunha edificación de vivendas en bloque plurifamiliar de baixo máis tres plantas que se levantou no 1995. Tres anos despois, a construción quedou paralizada por incumprir coa normativa urbanística e por carecer, ademais, da correspondente licenza. A execución do proxecto adxudicouse por 112.429 euros. O alcalde en funcións, Juan González Leirós, explica que esta edificación “incumpre a tipoloxía de vivenda e a altura máxima permitida, polo que é necesario demoler a estrutura, que non pode legalizarse. Precisamente pola imposibilidade de legalizar a construción, esta non pode destinarse a vivenda social, tal e como algúns veciños e veciñas nos propuxeron non seu momento”. O inmoble está situado nun chan clasificado como urbano de núcleo rural, incumprindo os seguintes parámetros: tipoloxía, parcela mínima, edificabilidade, ocupación, altura máxima –neste caso, a altura máxima sería de baixo máis unha planta-, distancia e un camiño público, non realizándose, ademais, a urbanización da parte de cesión da parcela. Con esta operación, o goberno local busca acabar coa política do “ti vai facendo”, actuando e reafirmando o seu compromiso “coa disciplina urbanística e cos expedientes que estaban esquecidos por mandatos anteriores”, sinala González Leirós, quen tamén destacou que con esta actuación “pechamos unha antiga reivindicación da Asociación de Veciños de Sigrás”. O Concello requiriu, en marzo de 2018, ao dono do inmoble para que presentase un proxecto de derriba. Na devandita resolución, concedíase o prazo dun mes para o inicio do proxecto e cinco meses para o remate das obras. Unha vez transcorrido devandito prazo, o Concello acordou, en outubro de 2018, renovar os trámites para a execución subsidiaria destes labores. As intervencións supoñerán a demolición e a retirada do entullo resultante. Ademais, a parcela deixarase conforme á rasante preexistente e protexeranse os elementos públicos que poidan verse afectados pola realización destes traballos.