A concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, destaca a “importancia” que este tipo de iniciativas teñen “á hora de promover a inclusión social dos veciños e veciñas en risco de exclusión e tamén para seguir promovendo a igualdade de oportunidades”. Sanguiñedo explica que, desde a súa posta en marcha, o Concello traballou con persoas emigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, minorías étnicas, familias sen emprego, familias nas con problemas de saúde grave, persoas con diversidade funcional, etc.
Entre os meses de novembro e decembro impartíronse un total de cinco talleres centrados en varias temáticas: estilos parentales, comunicación na familia, normas e límites adecuados á idade e uso da tecnoloxía, entre outras cuestións.
En todo caso, o Concello conta cunha educadora social con dedicación completa que traballa, todo o ano, cos veciños e veciñas participantes en Píllara. Entre os obxectivos do plan municipal atópanse os seguintes:
- Ofrecer atención individualizada e apoio psicosocial a persoas e familias usuarias dos servizos sociais comunitarios dentro do programa de educación familiar.
- Realizar un seguimento do proxecto de intervención de cada persoa/familia.
- Derivar a outras axencias e organizacións que ofrecen servizos especializados en Cambre e na comarca, como atención psicolóxica, asesoramento xurídico, orientación laboral, formación, etc.
- Promover a igualdade de oportunidades e a corresponsabilidade nas familias a través de todas as actuacións do programa.
- Promover a participación das familias á vida comunitaria, así como a visibilización da contribución social que fan á súa contorna.
O programa está subvencionado pola Consellería de Política Social e conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo.