O Concello sacou a licitación, hai unha semana, o servizo de subministración de combustible para vehículos e maquinaria municipal. Agora, tal e como xa avanzara a alcaldesa, María Pan, acábase de publicar tamén a licitación do contrato de combustible para instalacións municipais: “volvemos deixar claro o noso compromiso por pór ao día os servizos que na actualidade se atopan en precario, un obxectivo no que levamos meses traballando e que comeza xa a dar os seus froitos”, explica a rexedora.
Actualmente, este servizo e o de combustible para vehículos e maquinaria municipal están a levarse a cabo a través de contratos ponte. Con todo, unha vez se adxudiquen, as dúas prestacións quedarían garantidas por un período de dous anos, coa posibilidade de establecer dúas prórrogas dun ano cada unha.
Cun valor estimado de 176.119,94 euros, o expediente está dividido en dous lotes: por unha banda, o de gasóleo para instalacións térmicas e grupos electrógenos en edificios municipais e, polo outro, o de propano comercial GLP en bombonas para instalacións térmicas en dependencias municipais.
Con este contrato cubrirase o consumo da propia Casa do Concello, do centro de saúde de Cambre, do Centro Municipal de Formación, do bombeo do Caneiro e dos campos de fútbol do Once Caballeros e Os Pinares de Brexo-Lema.