O Concello ten en marcha tres proxectos para mellorar a accesibilidade e a seguridade en Cambre e O Temple

9 Nov 2022

Reforzar a seguridade, a accesibilidade e darlle un maior protagonismo ao peón nas zonas urbanas. Eses son os obxectivos que o Concello se marca cos tres proxectos que, actualmente, ten en marcha en Cambre e O Temple: o de reordenación da rúa María Mariño, o proxecto de mellora da accesibilidade parque industrial do Temple e a remodelación da fronte da Casa do Concello. En total, as tres intervencións foron adxudicadas por un importe de 307.116,51 euros.

Por unha banda, o Concello iniciou, nos últimos días, as obras en María Mariño. Neste caso, as actuacións supoñerán o reforzo das condicións de seguridade, mobilidade e accesibilidade, poñendo o foco na eliminación das barreiras arquitectónicas existentes nesta rúa. Actualmente, os accesos aos baixos, vivendas e garaxes atópanse en diferentes cotas, xerando problemas de accesibilidade e mobilidade na marxe esquerda. Ademais, tanto o firme da calzada como o das beirarrúas se atopa deteriorado e o paso de peóns non está adaptado á normativa de accesibilidade. Ao final da rúa existe, así mesmo, unha pequena superficie triangular con aparcadoiros en batería que habería que integrar coa praza adxacente.

A intención é solucionar estes problemas por medio dos seguintes traballos: reordenación da rúa para garantir unha maior comodidade dos usuarios e a accesibilidade do tráfico peonil e rodado, renovación dos pavimentos de beirarrúas e calzada, substitución do tramo de senda existente por unha beirarrúa para conseguir un itinerario peonil homoxéneo, adaptación do paso de peóns á normativa de accesibilidade, actualización da rede de iluminación á nova planta e renovación das canalizacións existentes. As obras completaranse coa colocación de novo mobiliario urbano e árbores.

Parque industrial do Temple

Doutra banda, as obras que se están executando no parque industrial permitirán completar as beirarrúas da zona. O proxecto incluirá a creación de beirarrúas de 2 metros de ancho paralelas ás naves industriais da zona do polígono que aínda está sen urbanizar. Estas sendas serán de formigón armado e serán análogas ao resto de beirarrúas. A maiores, está prevista a pavimentación da calzada cunha capa de 5 cm, así como a reposición da sinalización horizontal e vertical. A realización destes labores implicará, así mesmo, a ordenación dos aparcamentos nesta zona.

O plan do Concello supoñerá a creación de pasos de peóns elevados nos cruces e na rúa Francisco Añón e, ademais, o acondicionamento das zonas verdes da contorna.

Casa do Concello

Por último, o Concello encara xa a recta final da remodelación da fronte da Casa do Concello. As obras servirán para cumprir os seguintes obxectivos: mellorar as condicións de accesibilidade e mobilidade peonil, poñer en valor os diferentes elementos patrimoniais da zona (igrexa de Santa María de Cambre e cruceiro) e garantir unha maior continuidade co Campo dá Feira e a praza Europa.

Por medio deste proxecto, elimináronse as escaleiras e a rampla existentes e elevouse a cota para permitir o acceso directo á Casa do Concello. Ao elevar dita cota, hai sitio suficiente para crear un espazo de estancia que contará cunha área axardinada e varios bancos. A maiores, instalarase nova iluminación tanto na zona da praza como no paso de peóns.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.