O Concello celebrará hoxe, xoves 29 de setembro, un pleno ordinario no que se exporá a aprobación dun paquete de actuacións financiadas con cargo ao POS+Adicional 2022 da Deputación.
A intención do executivo é que a maioría dos fondos provinciais se dediquen á mellora de vías municipais, seguindo así a liña de traballo dos últimos anos.
O goberno local elevará ao pleno de hoxe, xoves 29 de setembro, unha proposta para destinar outros 727.564,26 euros do POS+Adicional 2022 da Deputación a un novo paquete de obras. Da cifra, e en consonancia coa liña de traballo dos últimos anos, o goberno expón dedicar outros 457.321,77 euros a un plan de mantemento de camiños de titularidade municipal. Así mesmo, 194.378,18 euros dos fondos provinciais empregaríanse no proxecto de mellora da accesibilidade en Lendoiro (A Barcala). Da proposta, outros 66.058,74 euros destináronse xa ás obras de mellora funcional da rúa Rocón a través do Plan Complementario. A contía restante, de 9.805,57 euros, serviría para o financiamiento de gasto corrente.
Por unha banda, a contía de medio millón servirá para actuar nunha trintena de vías e camiños das seguintes parroquias: Cambre, Sigrás, Pravio, Cecebre, Anceis, Bribes e Cela. En todos os casos, as actuacións incluirán a roza de gabias e marxes a ambos os dous lados da estrada; a apertura, perfilado e limpeza de gabias e a redefinición de noiros; o fresado ou escarificado e rebaixe do pavimento asfáltico, o lavado e varrido do firme; a formación do pavimento e a reposición da sinalización vertical e horizontal, entre outras actuacións.
Proxecto en Lendoiro
Doutra banda, a intervención na Barcala supoñerá a creación dun itinerario peonil que garanta o acceso tanto ás instalacións actuais existentes na zona –campo de fútbol 11 Cabaleiros, escola deportiva, cemiterio, etc.- como aos futuros servizos previstos no Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións –PEID- do Concello: o novo instituto e un centro para a terceira idade. Actualmente, a via carece dun itinerario peonil seguro, existindo só un tramo inicial de senda duns 50 metros de lonxitude e a propia beiravía, cun ancho variable e insuficiente en diversos puntos. Para resolver esta situación, o Concello creará unha beirarrúa de 600 metros de longo e dous de ancho que discorrerá pola marxe esquerda.
Anteriores plans de mellora de camiños
Se a proposta recibe luz verde por parte do pleno, o Concello investiría outro medio millón de euros ao acondicionamento de camiños. Esta iniciativa daría continuidade aos anteriores plans que o Concello executou en 2021 e que supuxeron o arranxo de vías de todas as parroquias e un investimento de 631.744 euros.