O orzamento do 2023 supera os 20 M€ e reflicte unha suba do 2,74% respecto ao exercicio anterior

28 Dec 2022

O Concello elevará ao pleno ordinario desta semana, xoves 29 de decembro, os orzamentos de 2023. Tal e como recollen os informes técnicos, trátase dun documento equilibrado en gastos e ingresos, sendo o seu importe de 20.279.292,22 euros, o que representa un aumento do 2,74% con respecto ao do exercicio anterior. A concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan, indica que son “uns orzamentos prudentes e adaptados á situación socioeconómica actual”. Neste sentido, a edil apunta que o orzamento de 2023 reflicte “unha baixada no capítulo de investimentos para subir o que se dedica a gasto corrente e a persoal. Fixémolo para garantir uns servizos de calidade e unha programación municipal completa para os veciños e veciñas de Cambre”.

O apartado de gasto en bens correntes e servizos (9.361.301,43 euros) sobe un 12,95% en comparación co documento económico de 2022. A concelleira explica que este incremento débese, por unha banda, “á intención de poder licitar os contratos que se atopan agora mesmo en precario, como son o de mantemento de zonas verdes, que xa está en tramitación, ou o de limpeza de interiores e limpeza viaria, iluminación pública e subministración de gas e electricidade. A licitación de todos estes servizos vai supor unha mellor prestación dos mesmos para a cidadanía, pero tamén un aumento considerable nos custos”. Con todo, a maior consignación na partida responde, ademais, “á suba nos prezos de enerxía eléctrica e combustibles afectados pola inflación”, explica Pan. Os 9 millóns de euros de gasto corrente permitirán, así mesmo, garantir a continuidade de todo o programa municipal de deportes, cultura e actividades sociais.

Subida en emerxencia social

O capítulo de transferencias correntes ascende a 1.535.719 euros. Esta cantidade usarase para facer fronte a subvencións como, por exemplo, as bolsas de estudo e ás liñas de axuda a asociacións ou entidades que aparecen reflectidas no PES 2020-2023.

Dentro da partida despunta o aumento en emerxencia social, que volve declararse como subvención prioritaria. Este gasto experimenta unha subida do 33%, pasando dos 180.000 euros consignados no orzamento de 2022 aos 240.000 euros do documento económico de 2023. Como no caso de gastos de bens correntes, a concelleira apunta que o Concello busca axudar “ás persoas máis vulnerables e que están sufrindo, moi especialmente, a suba dos prezos en bens de primeira necesidade”.

Capítulo de investimentos

No caso dos investimentos, o montante asciente a 1.824.011,13 euros, aínda que a previsión é que este capítulo se incremente ao longo do exercicio coa utilización do remanente líquido de tesourería. O apartado incorpora unha importante cantidade para executar algunhas obras moi demandandas polos veciños e veciñas (como a mellora da sinalización nas parroquias ou a substitución do linóleo no pavillón do Graxal). Así mesmo, inclúese o proxecto de renovación do pavillón dos Campóns, que se financiará con fondos Next Generation.

A concelleira de Economía lembra que as 11 propostas gañadoras na última edición do Decidámolo Xuntos levaranse a cabo a través dos cartos recentemente recuperado pola xestión ilegal do festival Brincadeira.

Tamén che pode interesar

“Cambre Escoita”

A Alcaldesa Impulsa a Participación Cidadá con Reunións Semanais Un diálogo aberto para construír un concello máis...

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.