O primeiro PXOM de Cambre cataloga preto de medio millar de bens patrimoniais a protexer

4 Nov 2022

O goberno local continúa dando pasos en firme para sacar adiante o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da historia de Cambre. O salón de plenos acolleu un primeiro encontro entre a corporación e a empresa redactora do documento urbanístico. O obxectivo non foi outro que expoñer algunhas das liñas mestras do plan, entre as que se destacou unha aposta decidida pola preservación do patrimonio natural e cultural do municipio. Unha premisa que se confirmou con varios datos como, por exemplo, a cifra de bens de carácter protexido que se prevé incluír: preto de medio milleiro de elementos repartidos por todo o termo municipal.

Como xa avanzara o alcalde, Óscar García Patiño, “o PXOM de Cambre potencia e pon en valor o patrimonio ambiental e cultural, convertendo ambos os dous aspectos en estandartes do noso municipio”. O rexedor incidiu, de novo, na “necesidade” de seguir dando pasos para aprobar o plan, que cualificou como “o documento urbanístico máis importante para Cambre na medida en que garantirá o crecemento do noso concello”.

Nas próximas semanas está prevista a celebración de novos encontros informativos para aclarar calquera dúbida dos partidos da corporación. A intención do goberno local é convocar un pleno extraordinario para aprobar o PXOM de forma inicial. A continuación, o documento expoñerase ao público e abrirase un período de consulta para que os veciños e veciñas que o desexen poidan formular as súas alegacións.

Patrimonio cultural

Por unha banda, o PXOM servirá para potenciar o patrimonio cultural de Cambre. Tanto é así, que o catálogo de bens culturais experimenta un crecemento exponencial. Actualmente, as Normas Subsidiarias de Plan Municipal inclúen 20 elementos protexidos. O Plan Xeral, con todo, eleva a cifra aos 421, propoñendo a inclusión de elementos “máis aló dos evidentes para dignificalos e darlles o valor que merecen”. Isto é, incorporaríanse tamén os pazos, ermidas, fontes, castros e cruceiros, que “forman parte da historia do municipio”. Cada elemento do catálogo terá indicado o seu nivel de protección e contará cunha ficha individual con datos históricos.

Compromiso ambiental

Doutra banda, o documento buscará potenciar tamén a riqueza natural e ambiental do municipio. Un valor que se sustenta en varios principios: na presenza do encoro de Cecebre (un espazo natural incluído na Rede Europea Natura 2000) e na declaración de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como Reserva de Biosfera.

O PXOM buscará poñer en valor o patrimonio fluvial do termo municipal: non só o río Mero, senón tamén o Valiñas, Brexo, Gándara, San Bieito, San Pedro e San Marcos. No documento buscarase garantir a integración dos elementos da estrutura forestal, preservar as áreas de valor ecolóxico, protexer os espazos naturais, garantir a conexión ecolóxica e favorecer o aproveitamento da natureza e das paisaxes. Entre as propostas, exponse, por exemplo, a creación de novos espazos públicos de encontro nos puntos de ensanche do paseo fluvial do río Mero (na Telleira, e na Barcala, por exemplo).

Previsión de vivendas

No tocante á vivenda, prevese a construción de 4.339 nos próximos 30 anos. É dicir, a previsión a 16 anos sería dunhas 2.169, por baixo do máximo permitido. Neste punto, o equipo redactor do PXOM indicou que se trata dunha cifra “axustada” tanto á dinámica de crecemento do municipio como á do resto de concellos que conforman a área metropolitana. O PXOM inclúe, ademais, 104,52 hectáreas de espazos libres e equipamentos.

Niveis estruturais

O PXOM potenciará a Vila de Cambre como un nodo urbano-residencial e de servizos que contará, ademais, cun centro de valor histórico (a contorna do castro de Cambre e da igrexa de Santa María). O seu desenvolvemento basearase no recoñecemento desta singularidade e, ademais, na posta en marcha dun conxunto de actuacións que resolvan a problemática de tráfico rodado. Doutra banda, o eixo A Barcala, O Temple e O Graxal exponse como un centro urbano e de actividade comercial e terciaria da área.

Os agregados urbanos de Pravio, Catro Camiños, Espírito Santo, Sigrás, N-550, Brexo, Lema e Meixigo concibiranse como nexo e soporte infraestrutural e de servizos.

Polígono industrial

Outra das premisas é ampliar o polígono do Espírito Santo. Contémplanse ata tres procesos de incremento da superficie do parque industrial e proponse, ademais, a mellora da súa accesibilidade e funcionalidade para garantir o seu crecemento. Máis aló do Espírito Santo, o PXOM promove e garante a pervivencia dos centros de actividade de O Temple, A Telva e Graduil.

Mobilidade e transporte

En canto á mobilidade e o transporte, o PXOM recolle numerosas melloras. Por unha banda, se aposta polo tren de proximidade como un medio alternativo ao coche para vertebrar e conectar a área metropolitana e mesmo para achegar o municipio á cidade de Ferrol e mesmo á Coruña. Polo outro, o documento reflicte novas infraestruturas viarias que buscarán tamén mellorar a conexión entre Cambre e o resto de municipios da comarca.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.