Os veciños poderán deixar a súa  pegada artística no mural colaborativo da Barcala

21 Xul 2023

A sexta edición do Cromático Mural Fest comezará o vindeiro luns, 24 de xullo. Ese día, algúns dos artistas participantes comezarán a elaborar as súas obras nos muros do municipio. Con todo, o festival ofrece outras actividades complementarias para veciños e veciñas de todas as idades. Na proposta, destaca a realización dun muro colaborativo na rúa Río Miño da Barcala. A iniciativa está aberta a toda a cidadanía, que terá ocasión de deixar o seu sinal artístico nun dos muros da urbanización.

A actividade levarase a cabo nunha gran parede situada entre os números 1 e 3 da rúa Río Miño. Celebrarase os días 27, 28 e 29 de xullo de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. A proposta estará dirixida pola educadora, mediadora e tallerista, Viviana Luccisano, e polo artista Spogo. Ambos guiarán ás persoas participantes, dándolles consellos e pautas para tomar parte nesta iniciativa creativa.

O concelleiro de Cultura, David Saborido, apunta que o obxectivo é “achegar esta disciplina artística á veciñanza, implicándoos, ademais, no coidado da súa contorna e facéndoos parte do embelecemento das zonas urbanas”.

As persoas interesadas poderán apuntarse nas casas da mocidade, a través da páxina web omix.cambre.es ou durante a celebración desta actividade.

Outras propostas

Como en convocatorias anteriores, o programa incluirá tamén accións de formación. Por unha banda, realizarase unha masterclass de muralismo xeométrico a cargo de Spogo (entre o 24 e o 26 de xullo na urbanización A Barcala). Polo outro, Viviana Luccisano impartirá un taller de iniciación á arte urbana en Casa Arrigada. Esta proposta terá lugar tamén entre o 24 e o 26 de xullo.

O venres, 28 de xullo, levarase a cabo unha visita guiada polos murais da sexta edición. As persoas que participen poderán coñecer, non só as obras desta sexta edición, senón tamén a algúns dos seus autores.

As persoas interesadas en anotarse nalgunha destas actividades poderán facelo a través da páxina web omix.cambre.es.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.