Preto de 100 mozos traballan na organización da VI Open Science de Cambre

21 Ago 2023

Cen casetas, preto dun centenar de voluntarios e 80 proxectos participantes. Esas son, unicamente, algunhas das cifras que o Concello e a Asociación Xuvenil XentD100cia manexan para a celebración da VI Open Science. A feira científica colleita, ano tras ano, excelentes cifras de participación. Con todo, máis aló da asistencia, un dos feitos máis significativos e que mellor caracterizan á feira é, precisamente, que está organizada polos máis novos. Empezando polas codirectoras, Aroa Silva Pouse e Paula Méndez Gómez, de 19 e 17 anos, respectivamente, a maioría de detalles do evento recaen nas mans de mozos e mozas de entre 12 e 21 anos.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Patrimonio, Turismo, Transformación Dixital e Innovación Tecnolóxica, Daniel Mallo, incide “no enorme mérito que ten que os mozos e mozas coordinen e organicen unha feira científica destas características que conta, ademais, cunhas excelentes cifras de asistencia”.

Aroa e Paula estréanse, este ano, na codirección da feira. Con todo, a súa implicación coa Open Science vén de anos. As dúas mozas foron elixidas polo resto dos seus compañeiros para converterse nas caras visibles desta edición. En todo caso, o funcionamento da Open estará supeditado ao traballo do equipo de voluntarios que, nesta ocasión, serán tanto do IES David Buján e do Afonso X Ou Sabio como dalgún centro da Coruña. Os mozos e mozas estarán divididos en oito comisións: información, xurado, e-sports, espectáculos, acollida e comida, redes sociais, audiovisuais e drons.

A Open Science celebrarase entre o 15 e o 17 de setembro, volvendo manter o formato de tres días despois do “éxito” cultivado no 2022. A cita volverá contar con talleres, presentación de proxectos escolares, postos de divulgación dos colexios participantes e tamén de numerosas institucións e coa entrega dos premios OSC 2023.

Acollidas
Prevese a chegada duns 140 mozos e mozas procedentes de colexios de toda España, pero tamén doutros países como Portugal, Colombia, Bolivia, Ecuador e México. Desde a comisión de acollida e comidas están a traballar xa na procura das familias coas que os mozos vivirán durante a súa estancia en Cambre. Como explica a codirectora da Open, Aroa, “el trabajo que se realiza desde este grupo es importante, pero también muy complicado, porque deben tener en cuenta muchos aspectos distintos”.

Os veciños e veciñas interesados en participar nesta experiencia poderán enviar un correo electrónico a osc@iesdavidbujan.gal para iniciar os trámites para a acollida.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.