A casa tradicional

A CASA TRADICIONAL GALEGA E AS SÚAS DERIVACIÓNS

A construción dunha casa e a súa funcionalidade ven dada pola climatoloxía e os materiais tradicionais dispoñibles, case sempre moi preto da construción. O material adoita ser esquisto de mala calidade, introdución puntual de perpiaños e/ou granito de boa calicade. Destaca a técnica de pedra en seco.

Tipolóxicamente as casas mais antigas son as casas terreiras, logo as casas  tradicionais con alpendres, casas con corredor e casas con galería. As casas grandes, solariegas ou casas fortes (algunhas teñen pedra armeira) son intermedias entre a casa tradicional e o pazo.

O paseo, a visita polos moitos recunchos con encanto que aínda se poden atopar no Concello de Cambre, permitiralle ao viaxeiro contemplar moitos destes senlleiros elementos espallados polo noso territorio. Son paisaxes humanas e naturais que conservan todo o sabor de tempos pasados, de tempos que xa non volverán a ser, pero que aquí se están a conservar como fosilizados no tempo, esperando que os poidamos ver, admirar e interpretar.

A CASA TRADICIONAL OU CASA DE LABRANZA

A meirande parte das casas eran de pedra; podía haber corredor que daba ao exterior. O chan era de terra e na parte baixa estaba a cociña; na parte superior, as habitacións.

Para entrar na cociña, un pasillo que comunicaba dúas portas exteriores: na dereita as cortes cos pesebres que daban ao pasillo; á esquerda, a cociña coa lareira, unha despensa debaixo das escaleiras e éstas, que levaban á parte superior. Na corte estrábase o toxo co que logo se facía o esterco. No pasillo apilábase a herba para o gando. As cortes eran como a calefacción da casa. Na lareira había bancos ao redor e eran de pedra para facer o lume.

O vertedoiro tamén era de pedra e había un rebaixe no muro para as sellas coas que se carrexaba a auga. Tamén estaba o forno para cocer o pan, sempre preto da lareira. O forno por fora tiña forma de ábsida e por dentro de bóveda. Na cambota, por riba da lareira, colgábanse os chourizos, o touciño ou os xamóns para curar e afumar.

Os pisos eran de madeira e había un cuarto grande que facía de salón-comedor. As habitacións estaban enriba das cortes; o salón enriba da lareira.

AS CASAS GRANDES 

As casas grandes ou fortes son macizas edificacións, normalmente feitas de perpiaño ou de perpiaño misturado con mampostería, que moitas veces poderían inscribirse na categoría de “pazo” pola súa calidade arquitectónica. Conservan moitas das construcións adxetivas ou complementarias e engaden elementos como a galería, o patín de entrada… Pero non pertencen á categoría nobiliar que denota unha pedra armeira na fachada.

AS CASAS TERREIRAS
Son posiblemente as casas mais humildes e antigas do noso territorio. Adoitan ter só planta baixa con chan de terra, tellado a dúas augas e en principio non tiñan chimenea. As paredes eran de mampostería  e a planta normalmente rectangular.

CASAS CON BUFARDILLA
Son pequenas casas de planta cuadrangular que rematan nunha pequena bufardilla para facer habitable un faiado. Son bonitas edificacións que non hai moitos anos podíamos contemplar en todos os currunchos das nosas parroquias pero que hoxe están en grave perigo de extinción.

CASAS CON CORREDOR
Antes da introdución da galería entre os séculos XVIII e XIX, o mais común eran as casas con corredor, resultado da prolongación das escaleiras exteriores. Cando ás casas se lles engadiu un andar, tamén se lles engadiu o corredor que adoitaba ser de madeira.

CASAS CON GALERÍA
A galería introduciuse na arquitectura galega como resultado da evolución da industria naval, entre os séculos XVIII e XIX. A casa segue a ser normalmente de baixo e un andar, con muros de mampostería, cuberta a dúas augas… A novidade, que pronto se extenderá por toda Galicia, é a introdución dunha gran galería que moitas veces é o resultado de pechar o corredor.

AS CASAS BLASONADAS
Este tipo de construción tradicional apenas se diferencia dunha casa tradicional tipo, sendo incluso ás veces moito mais humilde. Confórmanse case na súa totalidade como unha casa tradicional conservando únicamente, como recordo do seu pasado esplendor, a pedra armeira na fachada. Poderíamos dicir que están entre a casa tradicional e o Pazo, conservando elementos dunhas e das outras. En definitiva, é moi dificil unha clasificación tipolóxica, podéndose encadrar tanto entre as casas tradicionais como entre as casas grandes.