Corresponderalle ao Concello delimitar as áreas acústicas, sinalar as limitacións, declarar zonas tranquilas (espazos non perturbados polo ruído procedente do tráfico, actividades industriais ou deportivo-recreativas) ou zonas de protección e/o de situación acústica especial (aquelas nas que se incumpran os obxectivos de calidade acústica aplicables), así como ordenar as inspeccións necesarias, aplicar as sancións correspondentes e, en caso de incumprimento reiterado, esixir a adopción de medidas correctoras. Unha vez que un lugar se defina como de protección acústica especial, elaborarase un plan específico que incluirá as medidas correctoras para a mellora acústica ata alcanzar os obxectivos de calidade necesarios.
Entre as medidas correctoras que poderán conter os plans zonais atópanse as seguintes: instalación de barreiras acústicas, illamento de fachadas, restricións horarias e/ou de emisións para obras na vía pública ou en edificacións, restricións para vehículos, actividades ou outros emisores acústicos concretos, actuacións sobre vías de propagación, etc. Así mesmo, poderanse adoptar as seguintes disposicións:
- Suspensión da concesión das licenzas de actividade e de comunicacións previas que poidan agravar a situación.
- Restrición de horarios para o desenvolvemento de actividades responsables, directa ou indirectamente, dos niveis de contaminación acústica.
- Prohibición ou limitación horaria da colocación de mesas e cadeiras na vía pública e/ou retirada temporal da autorización concedida a tales efectos.
- Delimitación de rúas e vías públicas nas cales non poidan circular determinadas clases de vehículos de motor, establecemento de restricións horarias ou de velocidade nas mesmas.
Consulta pública
O Concello abriu unha consulta pública para elaborar esta ordenanza. Con este proceso, o equipo de goberno buscou estimular a participación veciñal e solicitar as achegas da cidadanía e dos grupos da corporación municipal.