Trátase dunha nova acción incluída dentro da campaña posta en marcha pola Concellería de Medio Ambiente e Mobilidade.
Como parte da súa campaña de Boas prácticas, o Concello impulsará unha Rede Verde aberta a aqueles establecementos do municipio cunha maior preocupación ambiental. Así o confirmou, esta mañá, a concelleira de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia Parcero, que falou, tanto desta iniciativa como do resto de accións da campaña, coa que se busca involucrar aos centros de ensino, ao tecido comercial e hostaleiro e, en xeral, á cidadanía sobre estas cuestións: optimización de recursos, eficiencia enerxética, emprego de enerxías renovables, reciclaxe e reutilización, redución de residuos xerados e obxectivos de desenvolvemento sostible, entre outras. Durante a súa intervención, a edil falou, tanto da Rede Verde, como das actividades de divulgación que se están realizando nas feiras municipais.
Como avanzou Parcero, o obxectivo das próximas accións é continuar “brindando a todos estes sectores medidas útiles que lles sirvan para reducir o seu impacto ambiental. Falamos de pequenos xestos que, malia ter unha aplicación sinxela, traen consigo enormes beneficios para a preservación e o coidado do medio ambiente”.
As empresas asentadas no municipio que estean interesadas en adherirse á rede poderán facelo enchendo un impreso de solicitude que estará dispoñible na web do Concello. Así mesmo, deberán cubrir un cuestionario e asinar unha declaración responsable. Con este último documento, comprometeranse a aplicar, no seu día a día, rutinas que reduzan o impacto ambiental dos seus negocios. As firmas que se sumen á iniciativa recibirán un distintivo en vinilo para colocar nos seus negocios e terán difusión a través da web e das redes sociais municipais. Terán a posibilidade de gozar de iniciativas e campañas exclusiva, así como información e asesoramento gratuíto sobre axudas e subvencións ás que poden acceder como negocios sostibles. A maiores, a súa incorporación á rede permitiralles “reducir os gastos nos seus negocios, mellorará a súa imaxe entre a veciñanza e permitiralles diferenciarse e chegar a novos clientes e mercados”, apuntou a concelleira.
Co fin de facilitar a adhesión e de garantir que os locais dispoñen da información suficiente, o Concello habilitou unha sección específica da campaña na web municipal. Este apartado ofrecerá o modelo de solicitude á Rede Verde e unha guía de boas prácticas ambientais.
Accións nas feiras
Outra das accións da campaña baséase nas actividades de divulgación nas feiras municipais. En concreto, o Concello colocará unha caseta nas próximas citas dos mercados (o 2 de agosto en Cambre e o día 13 no Temple) no que os veciños e veciñas recibirán pautas sobre separación selectiva de residuos.
Charlas e actividades nos centros de ensino
Dentro da proposta da Concellería realizáronse, ademais, charlas informativas dirixidas ao alumnado da Unitaria de Pravio, 1º e 2º de educación Primaria e 1º e 2º de educación Secundaria. Estas actividades correron a cargo de educadores ambientais que buscaron concienciar aos mozos acerca de problemas ambientais e promover a adopción dun estilo de vida máis sostible.
O enfoque da programación foi eminentemente práctico e, durante as actividades dirixidas ao alumnado da ESO, os estudantes realizaron unha análise grupal dunha bolsa de lixo. No caso dos máis pequenos, a dinámica consistiu nun taller de reutilización co que aprenderon a crear xoguetes a partir de materiais reciclados.