Cambre publica a convocatoria para cubrir catro prazas da Policía Local por comisión de servizos

14 Dec 2023

Cambre publicou, esta mañá, a convocatoria para cubrir catro prazas da Policía Local. Estes postos, de escala básica, ocuparanse por comisión de servizos. Desta forma, estas vacantes cubriranse así ata a provisión definitiva das mesmas, por un período máximo dun ano e prorrogable por outro máis. A previsión do goberno local é incluír estas catro e outra máis por medio da Oferta Pública de Emprego do Concello.

Actualmente, hai seis prazas vacantes na Policía Local. Catro delas producíronse, recentemente, tras o traslado de efectivos a outros corpos. Ante esta situación, o Concello formulou unha consulta á Dirección Xeral de Emerxencias e á Academia Galega de Seguridade Pública na que se preguntaba polas diferentes posibilidades para cubrir estas prazas. Na súa resposta, desde estas administracións apuntouse que a comisión de servizos era a vía adecuada para facelo.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Daniel Mallo, incide en que esta convocatoria “é esencial para garantir o mellor servizo á cidadanía”. O edil explica que a seguridade cidadá “segue a ser unha prioridade para este goberno, polo que estamos a dar todos os pasos necesarios para cubrir estas prazas á maior brevidade, e a fórmula máis áxil é a comisión de servizos, tal e como nos indicaron desde a administración competente”.

Os axentes que queiran concorrer á convocatoria deberán ter a condición de persoal funcionario de carreira. As persoas candidatas terán que pertencer á escala básica, categoría de Policía Local, subgrupo de clasificación profesional C1 e atoparse en situación de servizo activo.

As solicitudes poderán presentarse por medio do rexistro electrónico do Concello nun prazo de dez días hábiles. Desta forma, poderán presentar a documentación entre o 15 e o 29 de decembro.

Bases da convocatoria para a provisión en comisión de servizos de catro postos de Policía Local

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.